Feed

«Con lume no peito». Premio para os EDNL

Posted on Maio 9th, 2012 in Novas by ENDL

Os do ENDL estamos de noraboa, pois o pasado sábado 5 de maio a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega entregou os seus Premios AELG 2012 o galardón destinado a Institucións que se caracterizan pola súa contribución á divulgación da literatura galega en diferentes ámbitos sociais, foi, por decisión unánime, para o labor colectivo desenvolvido polos Equipos de normalización lingüística dos centros de ensino e mais os Servizos de normalización dos concellos.

Como a magnitude do  traballo desenvolvido nos diferentes Equipos e a implicación de tantas persoas  non permiten o recoñecemento individualizado, acordouse que recollera simbolicamente este premio Agustín Fernández Paz,  escritor que dedicou unha parte moi importante da súa vida a traballar para avanzar no lento progreso normalizador. Se queredes ler o discurso que pronunciou en agradecemento e representación de todos e cada un de nós, clicade enriba da imaxe do premio.

 

ESTE PREMIO É PARA TODOS E CADA UN DOS MEMBROS DESTE EQUIPO QUE CADA DÍA NOS ILUSIONADES COS VOSOS TRABALLOS E ESFORZOS E QUE SODES O PRESENTE E O FUTURO DA LINGUA. GRAZAS con lume no peito e cun enorme sorriso nos beizos!

XABIER P. DOCAMPO: «AS NOSAS VIDAS SON UN RELATO»

Posted on Abril 22nd, 2012 in Entrevistas,Hoxe visítanos... by ENDL

O mércores 28 do marzo o escritor Xabier P. Docampo visitou o Castro Alobre para conversar co alumnado de 1º ESO sobre o libro que leron na 2ª avaliación: O pazo baleiro. Aínda que o motivo da visita era este, ao final a charla do autor, dado o gran conversador que é, acabou converténdose nunha reflexión conxunta sobre o necesaria que é a literatura nas nosas vidas. Docampo fíxolles ver os aos mozos e mozas alí presentes que os seres humanos necesitamos comunicarnos, contar o que nos pasa, e no momento en que nos convertemos en narradores do que vemos ou protagonizamos, aí xa está a abrollar a literatura.

Horas e horas poderían pasar falando e falando, pero tocou o timbre e houbo que dar por rematada a sesión. Con todo, aínda lle roubamos a Xabier uns minutos máis para podervos ofrecer a todos os que non puidestes asistir a esa charla unha fantástica entrevista elaborada por catro das rapazas do noso Equipo: Paula Cobo, Nahima Garrido, Laura Redondo e Loaira Santos (parabéns, mozas, excelente traballo!). Aí vos vai, co desexo de que vos guste.

CONVERSAMOS CON XABIER P. DOCAMPO: «ESCRIBO EN GALEGO PORQUE SON GALEGO»

-Ímoslle facer unha pregunta que nos ten intrigados a todos: o P. do seu nome, de onde vén?

É o meu primero apelido: Ponte. Que non o use como escritor ten relación co meu fillo cando era máis pequeno, porque lle daba vergoña que o relacionaran comigo; cando dicía o seu apelido “Ponte” preguntábanlle por min.

 -Por que decidiu escribir en galego?

Se eu fose inglés non me preguntariades iso, por que escribo en inglés. Escribo en galego porque son galego.

 -Nunca pensou en escribir en castelán?

Non. Escribo e publico en Galicia, por iso o fago en galego. Outra cousa é que teña obras traducidas a outras linguas, entre elas o castelán.

 -De pequeno gustáballe a literatura, ou nunca pensou en ser escritor?

Pequeno aínda sigo sendo  (entre risas). Descubrín a literatura ós oito anos e aí decidín ser escritor. O meu pai era un magnífico narrador. Á miña nai gustábanlle as poesías, ainda que só foi dous anos a escola e é costureira. De todas maneiras, só me sinto escritor cando escribo.

 -Por que decidiu dedicarse a isto?

Veu así, non o decidín. Nunca me interesou moito o de publicar. Estou máis orgulloso dos libros que lin que dos libros que escribín.

 -Como foron os seus comezos?

Empecei a andar ós trece meses, creo  (dío con ton irónico). Son cousas que foron ocorrendo ó longo da miña vida. Comecei a facer teatro e cousas así, polo tanto, non sei cando empecei exactamente. Gustaríame saber, iso si, cando terminarei.

 -Cal foi o primero libro que escribiu? Custoulle moito? A que idade o escribiu?

O misterio das badaladas foi o primeiro libro que publiquei. Non me custou, por desgraza foi moi fácil; vendín máis de 100.000 exemplares. Xa non era novo, tiña eu 37 ou 38 anos. Xa levaba tempo escribindo, pero nunca me interesara excesivamente o de publicar

 -Inspírase nalgún aspecto da súa vida para crear os personaxes e as historias?

Nada sae da nada. Todo sae da miña vida pero non sei identificar sempre cada unha das persoas que me inspiran. Non podes facer un burro con ás se non sabes o que é un burro nin o que é a facultade de voar.

 -Cal é o libro que máis lle gustou escribir? E o que máis lle custou?

Non sei. En todos os colexios me preguntan iso pero eu nunca souben contestar. O que máis me custou foi o que estou escribindo agora, sen dúbida.

 -Cal é o seu autor e libro favorito?

Iso é moi difícil de contestar, non hai un só. Pero sen dúbida para min o autor máis completo é Álvaro Cunqueiro; abrangueu todos os xéneros maxistralmente, gústame moito toda a súa obra. En canto aos libros,  o que máis me marcou foi A illa do tesouro de Stevenson: ensinoume cousas sobre min que nin eu mesmo sabía.

 O 27 de marzo fomos ao Museo Provincial de Lugo e, para facer unha actividade alí, tivemos que ler os Contos do Museo. Vostede escribiu o primero relato, titulado Visita nocturna.

-Visitou algunha vez o museo de Lugo?

Si, claro; moitas veces. Pero a última vez visiteino máis a fondo para poder facer o relato.

 -Que foi o que máis lle gustou?

Aquela escultura de Asorey que aparece no conto, que está no vestíbulo da primeira planta.

 -Que foi no que se inspirou para facer o relato?

No percorrido que fixen polo museo e que tiña ganas de facer un conto de misterio.

 -E agora querémoslle facer unha última pregunta; nestes tempos de crise, como ve o futuro da literatura galega?

De verdade, estou convencido disto: unha das mellores maneiras de saír da crise é o camiño da cultura.

 

        O escritor coas reporteiras

HOXE RECOMENDAMOS… “PELOS NA LINGUA”

Posted on Abril 17th, 2012 in Hoxe recomendamos...,Saídas culturais by bacharelato

O mércores 11 de febreiro os alumnos e alumnas de 1º BAC fixemos unha saída ao Salón Teatro de Santiago de Compostela para ver a representación da obra Pelos na Lingua.

Pelos na Lingua é unha peza teatral da compañía Talía Teatro. Conta con tres actores que interpretan diferentes papeis en cada un dos sketchs nos que a obra se estrutura, de xeito que todos nos poidamos sentir identificados con algún deles nalgún momento da representación. Así, están: os galegofalantes; os que non o son; os que queren selo pero non se atreven (ben por vergoña, ben porque pensan que non o saben falar correctamente); os que queren selo e toman esa determinación (en contra da opinión dos que os rodean); os que pensan que o inglés é a lingua que debería falar todo o mundo; tamén vemos aos que tanto lles ten que se fale ou non en galego; os que pensan que o galego é unha lingua pouco atractiva, culta e elegante; os que pensan que si o é… Así pois, todos os sketchs teñen un obxectivo común, que é facer reflexionar o público sobre a propia lingua galega, falando dos usos e abusos da mesma, e coa presenza do humor e da ironía en todo momento.

O título da obra coido que se debe máis concretamente a unha das escenas: “Non volvas falar dese xeito. Parece que tes pelos na lingua”, é a resposta que lle dan a unha adolescente os seus pais tras a gran decepción e angustia  de descubriren que a súa filla, desde que vai á Universidade, fala galego cando eles non están presentes.

Vouvos falar doutro sketch, o do caso dunha nena pequena que escoita nas noticias que “a xente nova está a perder a súa lingua”. Entendida literalmente a información pola rapaza, esta pregúntalle á nai que ten facer para non perder a súa. A nai dille que ten que falar moito e a nena comeza a falar e falar sen descanso por medo a que lle desapareza a lingua. E como esta escena, así de variadas e entretidas foron o resto.

En conclusión, a obra trata un tema que nos incumbe a todos e todas, dende o humor e provocando a nosa reflexión, polo que considero, ao igual que os meus compañeiros e compañeiras, que estivo moi ben e foi moi divertida. Por iso vola recomendamos hoxe.

María Vázquez Limeres (1º BAC D)

Un paseo pola Historia: coñecemos Lugo

Posted on Abril 9th, 2012 in Saídas culturais by ENDL

Os días 20 e 27 de marzo o alumnado de 1º ESO saímos de excursión a Lugo para coñecer as orixes romanas desta fermosa cidade.
Alí chegamos ás 11.30 (tarde, coma sempre, polo que dixeron as profesoras). Ás carreiras, fomos directos ao Museo Provincial, onde nos tiñan preparada unha actividade relacionada cos Contos do Museo que lemos nas clases. Dividíronnos en catro grupos e déronnos as instrucións para movérmonos polo museo e buscar as respostas ás preguntas. A verdade é que a competición resultou moi divertida.

Aquí tedes fotos dos catro equipos e do grupo completo nas escadas do Museo.
 

Despois fomos á Sala de Exposicións da Porta Miñá. Para chegar ata ela asegurámonos de ir no camiño certo preguntándolles a algúns lucenses que andaban pola rúa e comprobamos que o seu galego é moi diferente do de Vilagarcía: máis pausado e con algunhas palabras moi chulas. Na Porta Miñá ensináronnos restos arqueolóxicos do Lugo romano. Chamáronnos especialmente a atención dúas cousas: a colección de moedas e a reconstrución dun enterramento dunha antiga necrópole. Sentímolo, pero non se podían facer fotos, así que teredes que ir velo vós mesmos.

De aí, xa mortos de fame, marchamos xantar ao centro comercial das Termas, situado nun polígono industrial. Cadaquén foi por libre e quedamos ás 15.10 na porta principal para continuar a nosa visita. Iso tamén estivo ben.

Regresamos ao centro histórico da cidade para facer un percorrido polos lugares máis emblemáticos. A nosa profesora  de Ciencias Sociais, Jerusa, foinos explicando todo: primeiro vimos e entramos na Catedral de Santa María, que non é romana, senón medieval, con fachada principal neoclásica; despois demos un pequeno paseo polo adarve da muralla, a única muralla da época romana que segue en pé e que é Patrimonio da Humanidade (sacamos unha foto nunha das torres orixinais conservadas); tras esta pequena andaina baixamos de novo a «patear» polas principais rúas e o noso traxecto rematou na Praza do Campo, debaixo da cal os arqueólogos e historiadores pensan que pode estar soterrado o antigo foro romano.

  

Esgotados e acalorados, subimos ao autobús para emprender a viaxe de volta. A pesar do cansazo, dj Mochales encargouse de que ninguén pechase ollo e, micro en man, foinos invitando a todos a cantar e contar chistes. Houbo, incluso, efectos especiais… Chegamos a Vilagarcía ás 19.30, cansos pero contentos. Pasamos un bo día.

DIARIO ELABORADO POLO GRUPO DE 1º ESO A

INTERVIÑERON

O FANTÁSTICO UNIVERSO DO CÓMIC

Posted on Marzo 29th, 2012 in Entrevistas,Hoxe visítanos...,Obradoiros by ENDL

Cando neste segundo trimestre lles dixemos aos de 2º ESO que ían recibir unha «clase» especial no salón de actos, todos pensaron: «Máis clases? De que? De Matemáticas, Historia, Galego ou outra cousa chunga? Pois que sorte!».

Pero as súas caras e o seu entusiasmo mudaron enseguidiña ao saberen que quen nos visitaba era  Abraham Carreiro e que o que ían aprender con el  serían fantásticas técnicas para crear os seus propios cómics. 

 Así pois, o salón de actos converteuse nun gran obradoiro de banda deseñada no que os rapaces e rapazas puideron recibir a axuda e os consellos do ilustrador vigués, poñendo en práctica algunhas das principais estratexias e trucos para expresar as emocións dos personaxes, centrar a atención nun punto concreto da viñeta, etc.

E xa que nos veu visitar, quixemos aproveitar a ocasión para lle facer unha pequena entrevista e coñecelo un pouquichiño máis. Dúas das intrépidas reporteiras do noso Equipo, Paula Fernández e Antía Miguéns, conversaron con Abraham preguntándolle por distintos aspectos da súa faceta profesional. Velaquí tedes o resultado. Desexamos que vos guste.

ABRAHAM CARREIRO: «Na banda deseñada galega hai grandes creadores»

REPORTEIRAS: Lembras en que momento te interesaches polo cómic?

ABRAHAM: Desde ben pequeno son lector de cómic; por outra parte, sempre me gustou debuxar, xa facía traballos no instituto… A ilustración foi algo que me chamou sempre.

REPORTEIRAS: Cres que tivo algo que ver o teu pai nesa afección?

ABRAHAM: Directamente non, indirectamente si. Quero dicir que el nunca me enfocou cara a iso, saíu de min. Pero claro está que velo a el traballar na casa, os seus debuxos… iso influíu bastante.

REPORTEIRAS: O cómic xa che gustaba desde pequeno pero… Por que o cómic como saída profesional?

ABRAHAM: Pois, primeiro, por iso, porque sempre me gustou; e segundo, porque a ilustración e o cómic permítenme expresar as miñas ideas en papel: poder debuxar o que pensas e como queiras é o que máis me fascina deste traballo. 

REPORTEIRAS: Que cómics e autores de banda deseñada están entre os teus favoritos?

ABRAHAM: Os cómics que eu lía creo que aínda vos gustan agora: Asterix, Tintín, Lucky Luck…; e autores que admire, pois Robert Crumb, Moebius, Reimundo Patiño…

 REPORTEIRAS: Tes algún proxecto en mente ou estás traballando en algo neste momento?

ABRAHAM: Si, proxectos teño moitos. Agora mesmo traballo na elaboración dunhas mascotas para unha exposición e o que me ten máis ocupado é a segunda parte de Xoeliki.

REPORTEIRAS: Neste contexto de crise, como ves a situación da banda deseñada galega?

ABRAHAM: Pois artisticamente, en canto a creadores, francamente ben; economicamente, mal, como a edición de calquera libro neste momento. Pero creo que a situación é complicada en case todos os  sectores profesionais a día de hoxe.

REPORTEIRAS: Xa para rematar, por que o galego como idioma dos teus cómics?

ABRAHAM: Iso é evidente: porque é o meu idioma, no que me expreso e falo, e porque é tan válido coma calquera outro.

        Antía e Paula con Abraham

        Antía e Paula con Abraham

«O tendal dos versos» ou «Ao sol da poesía»

Posted on Marzo 26th, 2012 in Celebracións by ENDL

O Mércores 21 de marzo conmemoramos o Día Internacional da Poesía cunha actividade ben chuliña. Enchemos toda a reixa da fachada principal do instituto con versos en papeliños de cores, cada un coa súa pinciña, a xeito de tendal: poesía ao sol.

E quen se encargou de recoller canta cousa bonita había alí a «secar»? Pois toda a xente que por alí pasaba, xa que o noso lema foi o de LEME, LÉVAME, COMPÁRTEME.

Velaquí vos deixamos unhas fotos do noso particular contributo á Marea de versos que percorreu Vilagarcía ese día.

GRUPOS FINALISTAS: E TI, QUE SABES?

Posted on Marzo 25th, 2012 in Concursos e certames by ENDL

O concurso E TI, QUE SABES? vai tocando ao seu fin despois de transcorridas tres semanas. Presentamos, a continuación, os 3  grupos finalistas, que acadaron 11,5 respostas correctas cada un deles.

GRUPO A

Nahima Garrido Barral – 1º ESO F

Laura Redondo Dasilva – 1º ESO F

Paula Cobo Arroyo – 1º ESO F

GRUPO B

Marta Carregal Chedas – 1º BACH B

Jose López Cadahía – 1º BACH B

Miguel Tomás Fiuza – 1º BACH B

GRUPO C

Carlota Carregal Chedas – 1º ESO E

Nuria Pérez Meaños – 1º ESO E

Alba Rey Pedreira – 1º ESO D

Todo o alumnado finalista deberá presentarse no recreo do mércores, 28 de marzo, no departamento do equipo de normalización e dinamización lingüística, onde lles explicaremos en que consiste a proba de desempate.

Parabéns por seguir aí despois de tres semanas!!!

E TI QUE SABES?

Posted on Marzo 18th, 2012 in Concursos e certames by ENDL

Nesta 3ª semana de concurso, que comeza o luns 19 de marzo, hai 8 equipos clasificados con 8 respostas correctas cada un deles. O listado está exposto, como a semana pasada, no taboleiro do vestíbulo principal do edificio de ESO, ao lado das preguntas, ou podedes consultalo desde aquí.

Esta última semana, as preguntas versarán sobre xeografía de Galicia, para as tres primeiras respostas debedes escoitar con moita atención o vídeo que presentamos a continuación:

    Moitas grazas, unha vez máis,  ao alumnado participante e parabéns porque demostra curiosidade pola nosa cultura.

    Ánimo para os grupos clasificados.

Olark Livehelp