Feed

ENCONTRO DRAGAL

Posted on Outubro 17th, 2015 in Saídas culturais by ENDL

@s DRAGALIÑ@S DO IES CASTRO ALOBRE. Venres, 16 de outubro, no Pico Sacro, no Encontro Dragal. Grazas a todo o alumnado de 2º Eso, que o curso pasado traballou no proxecto e grazas tamén ao profesorado que o acompañou, o ano anterior, na súa viaxe polo libro, e este venres, na viaxe física. El@s son Sira, Moisés, Ilda, Anxeles, Esther, Sabarís, Begoña e Gracia.

Para saber máis, clicade na primeira imaxe.

      jpg

      IMG-20151017-WA0002

PELOS NA LINGUA

Posted on Abril 3rd, 2013 in Saídas culturais by ENDL

Pelos na lingua, representada pola compañía de teatro Talía, o 18 de marzo no Auditorio de Vilagarcía, trata con humor a imposición do castelán sobre o galego. Móstranse diferentes escenas da vida cotiá, algunhas máis realistas ca outras. Nunha delas, unha rapaza chega da Universidade falando galego e os seus pais escandalízanse, chegando a pensar que está enferma.
Pareceunos divertida, entretida e sorprendente, xa que realizan unha sátira lingüística moi aguda. Reconmedaríamoslles o espectáculo a todas aquelas persoas que queiran pasar un bo rato e agardamos que lles guste tanto como a nós.
Tamara Balsa, Lucas Güimil e Paula Ramos (4º Eso A)

CRÓNICA AURIENSE

Posted on Febreiro 15th, 2013 in Saídas culturais by ENDL

O 29 de xaneiro pasado, o alumnado de 2º Bacharelato participou nunha actividade que consistía en facer o roteiro de A Esmorga por Ourense, visitar a casa-museo de Otero Pedrayo en Trasalba e, por último, o mosteiro de Oseira. A xornada deu para moito, así que vos ofrecemos algunhas das impresións recollidas e unha selección de fotos da viaxe.
Grazas a todos os alumnos e alumnas polo tempo compartido.

” O mellor de todo foi a viaxe no bus, moitas risas que fixeron que formasemos unha piña. Por outra parte, gustoume ir con Xoán Antón no roteiro, xa que se sabía todas as rúas, casas…de memoria.” (Jorge Argibay)
“O mellor de toda a viaxe foi a casa de Otero Pedrayo. Rimos moito co cabalo e pareceume moi fermoso o lugar” (Brenda Alves)
“O que máis me gustou foron as explicacións de Xoán A. no mosteiro e o roteiro, e coñecer o meu amigo, o filósofo” (José Glez Céspedes)
” Chamoume moito a atención o sistema de seguridade da casa de Otero, a viaxe no bus e as Burgas, nas que me apetecía bañarme” (Alejandro Martínez)
” Gustoume, sobre todo, o mosteiro de Oseira e tomar unha laranxa do xardín de Otero” (Artur Silveiro)
” Pareceume unha gran viaxe, na cal coñecín unha cidade completamente descoñecida para min” (Adrián Sobradelo)
” Gustoume moito o mosteiro de Oseira, vendo o que estudamos en Hª da Arte” (Sophie Núñez)

Se queredes ver máis fotos, clicade no seguinte enlace A ESMORGA

HOXE RECOMENDAMOS… “PELOS NA LINGUA”

Posted on Abril 17th, 2012 in Hoxe recomendamos...,Saídas culturais by bacharelato

O mércores 11 de febreiro os alumnos e alumnas de 1º BAC fixemos unha saída ao Salón Teatro de Santiago de Compostela para ver a representación da obra Pelos na Lingua.

Pelos na Lingua é unha peza teatral da compañía Talía Teatro. Conta con tres actores que interpretan diferentes papeis en cada un dos sketchs nos que a obra se estrutura, de xeito que todos nos poidamos sentir identificados con algún deles nalgún momento da representación. Así, están: os galegofalantes; os que non o son; os que queren selo pero non se atreven (ben por vergoña, ben porque pensan que non o saben falar correctamente); os que queren selo e toman esa determinación (en contra da opinión dos que os rodean); os que pensan que o inglés é a lingua que debería falar todo o mundo; tamén vemos aos que tanto lles ten que se fale ou non en galego; os que pensan que o galego é unha lingua pouco atractiva, culta e elegante; os que pensan que si o é… Así pois, todos os sketchs teñen un obxectivo común, que é facer reflexionar o público sobre a propia lingua galega, falando dos usos e abusos da mesma, e coa presenza do humor e da ironía en todo momento.

O título da obra coido que se debe máis concretamente a unha das escenas: “Non volvas falar dese xeito. Parece que tes pelos na lingua”, é a resposta que lle dan a unha adolescente os seus pais tras a gran decepción e angustia  de descubriren que a súa filla, desde que vai á Universidade, fala galego cando eles non están presentes.

Vouvos falar doutro sketch, o do caso dunha nena pequena que escoita nas noticias que “a xente nova está a perder a súa lingua”. Entendida literalmente a información pola rapaza, esta pregúntalle á nai que ten facer para non perder a súa. A nai dille que ten que falar moito e a nena comeza a falar e falar sen descanso por medo a que lle desapareza a lingua. E como esta escena, así de variadas e entretidas foron o resto.

En conclusión, a obra trata un tema que nos incumbe a todos e todas, dende o humor e provocando a nosa reflexión, polo que considero, ao igual que os meus compañeiros e compañeiras, que estivo moi ben e foi moi divertida. Por iso vola recomendamos hoxe.

María Vázquez Limeres (1º BAC D)

Un paseo pola Historia: coñecemos Lugo

Posted on Abril 9th, 2012 in Saídas culturais by ENDL

Os días 20 e 27 de marzo o alumnado de 1º ESO saímos de excursión a Lugo para coñecer as orixes romanas desta fermosa cidade.
Alí chegamos ás 11.30 (tarde, coma sempre, polo que dixeron as profesoras). Ás carreiras, fomos directos ao Museo Provincial, onde nos tiñan preparada unha actividade relacionada cos Contos do Museo que lemos nas clases. Dividíronnos en catro grupos e déronnos as instrucións para movérmonos polo museo e buscar as respostas ás preguntas. A verdade é que a competición resultou moi divertida.

Aquí tedes fotos dos catro equipos e do grupo completo nas escadas do Museo.
 

Despois fomos á Sala de Exposicións da Porta Miñá. Para chegar ata ela asegurámonos de ir no camiño certo preguntándolles a algúns lucenses que andaban pola rúa e comprobamos que o seu galego é moi diferente do de Vilagarcía: máis pausado e con algunhas palabras moi chulas. Na Porta Miñá ensináronnos restos arqueolóxicos do Lugo romano. Chamáronnos especialmente a atención dúas cousas: a colección de moedas e a reconstrución dun enterramento dunha antiga necrópole. Sentímolo, pero non se podían facer fotos, así que teredes que ir velo vós mesmos.

De aí, xa mortos de fame, marchamos xantar ao centro comercial das Termas, situado nun polígono industrial. Cadaquén foi por libre e quedamos ás 15.10 na porta principal para continuar a nosa visita. Iso tamén estivo ben.

Regresamos ao centro histórico da cidade para facer un percorrido polos lugares máis emblemáticos. A nosa profesora  de Ciencias Sociais, Jerusa, foinos explicando todo: primeiro vimos e entramos na Catedral de Santa María, que non é romana, senón medieval, con fachada principal neoclásica; despois demos un pequeno paseo polo adarve da muralla, a única muralla da época romana que segue en pé e que é Patrimonio da Humanidade (sacamos unha foto nunha das torres orixinais conservadas); tras esta pequena andaina baixamos de novo a “patear” polas principais rúas e o noso traxecto rematou na Praza do Campo, debaixo da cal os arqueólogos e historiadores pensan que pode estar soterrado o antigo foro romano.

  

Esgotados e acalorados, subimos ao autobús para emprender a viaxe de volta. A pesar do cansazo, dj Mochales encargouse de que ninguén pechase ollo e, micro en man, foinos invitando a todos a cantar e contar chistes. Houbo, incluso, efectos especiais… Chegamos a Vilagarcía ás 19.30, cansos pero contentos. Pasamos un bo día.

DIARIO ELABORADO POLO GRUPO DE 1º ESO A

INTERVIÑERON

Excursión a Santiago de Compostela 1ºESO

Posted on Xaneiro 8th, 2012 in Saídas culturais by ENDL

DIARIO DA VIAXE

O día 19 de decembro fomos de excursión a Santiago:

8:30- Saímos do I.E.S. Castro Alobre.

9:30- Chegamos a Santiago e dirixímonos á catedral.

Dentro da catedral:

-ensináronnos a Sala de Armas;

-fomos á cociña do pazo;

-leváronos ao comedor, onde había unha exposición (aínda que cando non a hai, teñen a sala baleira).

O teito da sala estaba adornado segundo a importancia dos invitados: nas zonas onde estaba máis decorado, sentábase a xente de maior importancia, e na zona de menos decoración sentábase xente menos importante.

Antes poñían unha mesa en forma de “U” para as comidas e as ceas especiais.

Tamén había unha maqueta da catedral.

Despois fomos ás cubertas da catedral; subimos por unhas escaleiras moi estreitas, só cabían dúas persoas escasas.

Os tellados teñen forma de escaleiras para que os soldados puideran moverse con facilidade para defender o arzobispado.

Puidemos ver o bonita que é catedral. A súa planta ten forma de cruz.

Tamén vimos, no tellado, como un pilón onde os peregrinos queimaban a roupa ao chegar a Santiago por un motivo relixioso.

Despois de ver os teitos da catedral vímola por dentro.

Cando saímos fóra deixáronos sacar fotos e tamén nos deixaron dar unha volta por alí.

12:30- Visitamos a Cidade da Cultura; ensináronnos unha exposición das distintas máquinas de escribir que existiron.

Tamén vimos unha bóla xigante feita cun bo feixe de libros.

14:00- Fomos a Área Central, onde nos deixaron comer e mirar as tendas ata as 15:45.

15:45-  Visitamos MeteoGalicia onde nos deron unha charla dunha hora e media.

17:30- Dirixímonos aos autobuses para volver ás nosas casas.

No autobús no que iamos fixemos un concurso de Karaoke.

 

 

PAULA COBO, LIDIA GALBÁN, NAHIMA GARRIDO, MARÍA INSUA E LOAIRA SANTOS. 1ºESO F.

 

VISITA AO PARAÍSO: COÑECEMOS CORTEGADA

Posted on Abril 2nd, 2011 in Saídas culturais by ENDL
Vista desde a illa

DIARIO DA VIAXE

O día 24 de marzo os de 1º ESO B saímos visitar a illa de Cortegada.

Saímos á 11.15 h. do Castro Alobre, pasamos por diante do Concello e atravesamos Carril polo paseo da praia.

Cando chegamos ao porto separáronnos en dous grupos, pois non había dous barcos. Así que un grupo foi na lancha mentres o outro agardaba no parque a que viñeran a buscalos.

Xoubiñas na lancha

Chegada do segundo grupo

Cando o segundo grupo chegou á illa xuntámonos todos para iniciar a visita. Como ía moita calor deixamos as chaquetas nun cruceiro que alí había ao lado dunha casiña e, despois, comezamos a andar para coñecer Cortegada.

Seguimos un mapa que nos deu a nosa guía. Ao chegarmos ao segundo punto fixemos un xogo de orientación, un “xogo dos sentidos”. Consistiu en que a un de nós tapábannos os ollos e sentábannos no medio dun círculo formado por todos. Colocábannos ao lado unhas chaves e víñannolas sacar; e así, cos ollos vendados, tiñamos que escoitar e averiguar cara a onde marcharan as chaves. Todos acertamos.

Xogo dos sentidos

Ao acabar de facer o xogo das chaves fomos dar unha volta. A guía explicounos e puidemos ver que un tornado deitara varias árbores o ano pasado.

Árbores deitadas polo tornado

Continuamos o noso camiño moi atentos aos distintos cheiros que podiamos percibir. De feito soubemos que por onde nós estabamos a andar, pasaran non había moito algunhas cabras, xa que o cheiro era fedorento.

A continuación, a guía ensinounos un profundo e impresionante bosque de loureiros. Díxonos que era o máis grande de Europa.

Bosque de loureiros

 Tamén vimos que na parte da illa onde había eucaliptos (que proveñen de Australia) o chan era marrón, apenas medraba vexetación. En cambio, cando pasamos por un bosque de árbores autóctonas (carballos, piñeiros e castiñeiros) o chan era dun verde espectacular. Parecía de conto. Alí vimos tamén algúns niños e unha casa feita por un peto (paxaro carpinteiro).

Ao ir máis adiante a guía explicounos a historia do “Carballo Comepedras”: hai moitos anos un carballo era moi feliz porque os nenos que habitaban a illa xogaban ao seu arredor. Pero cando os nenos tiveron que marchar a árbore púxose moi triste e cada día, completamente soa, acompañada unicamente polas pedras das corredoiras, choraba máis e máis. Entón as pedras, xa fartas, decidiron facer algo. Fóronse achegando a el e, así, o carballo foinas comendo. De aí o nome “Comepedras”.

Carballo Comepedras

Despois de escoitar a historia da árbore que comía pedras seguimos a nosa visita guiada por Cortegada, que nos levou ata unhas ruínas de cando a illa estaba habitada. A guía explicounos que os habitantes da illa tiveran que abandonala cando o rei Alfonso XIII decidira instalar alí a súa residencia de verán. Finalmente non o fixo e Cortegada pasou ao patrimonio de Juan de Borbón, quen a vendeu a unha sociedade que pretendía construír nela unha urbanización de luxo cunha ponte para se comunicar con terra firme. Pero a xente non quería e houbo moitas protestas. Xuntos conseguiron que o arquipélago de Cortegada pasase a formar parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.

Ruínas das casas

Despois de contarnos a historia da illa dirixímonos ata a praia, onde tivemos uns minutos para andar por onde quixeramos. Fixemos unha foto todos xuntos e, finalmente, as lanchas leváronnos de volta ata Carril.

Foto de grupo no cruceiro

Diario feito por:

Alberto Barral, Óscar Jabois, Adriana Beade, Rosa Luna, Alma Alcaine e Naomi Rodríguez.