Feed

HOXE VISÍTANOS…LEDICIA COSTAS

Posted on Marzo 26th, 2017 in Hoxe visítanos... by ENDL

Charla para o alumnado de 3º ESO sobre O corazón de Xúpiter, sinatura de libros, charla en 2º Bacharelato sobre Un animal chamado néboa, sinatura de libros, descoberta do cartel que lle dá nome á aula, fotos, apertas, agradecementos…Un día ben intenso. GRAZAS, LEDICIA

E aquí os booktrailers que serviron para a súa presentación.

Grazas ao alumnado polo seu traballo!

HOXE VISÍTANOS…ANIK NANDI

Posted on Febreiro 12th, 2017 in Hoxe visítanos... by ENDL

 

Anik Nandi,sociolingüista bengalí, ofreceu unha charla no centro para alumnado de 2º BAC. Falounos da minorización das linguas, vencellando a situación galega e hindú, achegounos curiosidades da cultura do seu país e deixounos maravillad@s co seu dominio do idioma e a retranca galega. Soubemos do seu amor pola poesía de Manuel María e agasollounos co noso nome en bengalí.

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/arousa/2017/02/10/span-langgleu-non-elixin-galego-foi-lingua-me-escolleu-minspan/0003_201702A10C4991.htm

 

HOXE VISÍTANOS…XURXO MARIÑO

Posted on Xaneiro 28th, 2017 in Hoxe visítanos... by ENDL

Chegou o día. 24 de xaneiro de 2017, 12:15. Salón de actos do IES Castro Alobre ateigado co alumnado de 1º BAC. Organizan equipo de Biblioteca e EDNL.

E fai a súa entrada Xurxo Mariño. Preséntano Clara e Alberto.

Comeza a súa charla amosando o percorrido da viaxe que fixo ao longo de 11 meses. Africa, Asia, América, Europa, Oceanía.

Entusiasma co seu relato. Avión,avioneta, barco, tren, e moito, moito coche… Grandes estruturas xeolóxicas, incribles conexións entre os distintos continentes, as xentes das diferentes culturas, os animais…


    Case 75 minutos de charla que nos soubo a pouco. Rematou levantando pesas con algún dos agasallos.

      Foto con parte do equipo e o director, mentres asinaba o libro de honra da Biblioteca.


    Visita á aula Xurxo Mariño

    Visita á arbore que apadriñou… con Olga, Vanessa, Sira, Ana e Bea.

    E vídeo gravado onde di que ” cada lingua é unha entrada a un universo único” ou ” UNHA COMBINACIÓN BRILLANTE: A LINGUA GALEGA E A COMUNICACIÓN DA CIENCIA”.

    Grazas sempre, Xurxo, por esta xornada chea de ciencia, galego e entusiasmo.

    E ao final do día, Xurxo aínda tivo tempo de adicarnos unha entrada no seu Facebook.Parte do equipo con Pepe, o coordinador. Pódese pedir máis?

HOXE VISITOUNOS…HÉCTOR CAJARAVILLE

Posted on Decembro 18th, 2016 in Hoxe visítanos... by ENDL

Héctor Cajaraville, autor de De remaye, ofreceu este venres unha charla ao alumnado de 2º BAC.

Grazas a Adrián e Mateo pola presentación!

Un pracer escoitalo!

HOXE VISÍTANOS…MANUEL PORTAS

Posted on Decembro 2nd, 2016 in Hoxe visítanos... by ENDL

Hoxe contamos coa presenza no IES Castro Alobre de Manuel Portas, ex-alumno do centro e agora profesor, escritor, director do IES Arcebispo Xelmírez I e apaixonado da nosa historia e literatura.

Falounos da súa última obra, Lourenço, xograr, e de como foi o proceso de investigación e o de creación da novela.

Os nosos agradecementos polo tempo compartido e as palabras deixadas.

    unnamed

    unnamed-3

    unnamed-2

    unnamed-1

LOBOS SUCIOS NO CASTRO ALOBRE

Posted on Novembro 18th, 2016 in Hoxe visítanos... by ENDL

CINE NO ALOBRE

Para o alumnado de 4º ESO e 1º BAC.

A partir das 12:15, cos posterior coloquio no que participarán Simón Casal,o director e Paula Cons, guionista e produtora.

      img_20161115_122518

    HOXE VISÍTANOS… MERCEDES PEÓN

    Posted on Xuño 13th, 2015 in Hoxe visítanos... by ENDL
        20150609_132041

        20150609_122700

        20150609_122314

    Grazas a Mercedes polo tempo compartido e a Paloma polas xestións e a peza adicada á convidada, na que participou o alumnado.

    Quedamos cunha frase de Mercedes. A MÚSICA PERMÍTEME CRER NOUTROS MUNDOS POSIBLES.

    HOXE VISÍTANOS…FRANCISCO CASTRO

    Posted on Marzo 9th, 2014 in Hoxe visítanos... by ENDL

    O día 26 de febreiro visitounos Francisco Castro e aquí vos deixamos a presentación que se lle fixo, así como algunhas fotos da charla.
    Para esta presentación, decidimos facer algo diferente. En lugar de lervos as obras do autor que hoxe nos acompaña (algo que podedes facer ao chegar á casa, se consultades Internet) decidimos elaborar, entre todas as compañeiras e compañeiros da clase, o abecedario do Chamádeme Simbad e este é…
    A de Avó e Alzhéimer, porque o personaxe e a súa enfermidade son os motores da historia.
    B de Bernardino, o irmán acolledor e B de Barco-sofá, onde o avó imaxina, xoga e goza.
    C de Carta, a que permite a Paulo seguir a pegada do Capitán (tamén con C) dos Sete Mares.
    D de Diñeiro, o que o pai de Paulo lle ofreceu a Bernardino para que coidade do avó, ou D de Discutir, que se fai moito na historia.
    E de Esquecemento, que era o que lle pasaba con frecuencia ao avó, ou E de Entender, que é o que deberiamos facer cos nosos maiores.
    F de Filibusteiros, que non lle facían moita graza ao avó, ou F de Francisco, o nome do autor.
    G de Gol, o que lle metía Paulo a Xavier, ou G de Galego, o idioma no que pensan, senten, escriben e falan os personaxes.
    H de Harmonía, a que, finalmente, conseguiron tod@s.
    I de Ímpetu, o de Paulo por descubrir a verdade, ou I de Ilusión, a que se deixa sentir en moitas páxinas do libro.
    L de Liberdade, porque o avó quería ser libre.
    M de Móbil, o do pai, ou M de Memoria, a que perde o avó.
    N de Nai, pola paciencia, pola dozura e pola forza.
    O de Oficina, a do pai, e O de Océanos, os que surcan o avó e o neto.
    P de Paulo, e P de Piratas.
    Q de Querer, outro dos motores da historia e Q de Queimar, pois os recordos do avó son como papel nunha fogueira.
    R de Residencia, a onde querían levar o avó, e R de Remedio, o que atoparon ao final.
    S de Simbad, o outro nome de Paulo.
    T de Taberna, a do Pirata, e T de Tipp-ex, porque é como un borrador da memoria.
    U de Unión, porque rematan tod@s xuntos.
    V de Viaxe, a que facía Simbad co avó cando iniciaban unha travesía.
    X de Xoubas, porque a tod@s nós nos gustaría probar a empanada de xoubas da nai.
    E, por último,
    Z de Zapatillas, as do avó.
    Darlle as grazas a Francisco Castro por acompañarnos hoxe e agora, tócalle falar a el.
    Presentación elaborada por 2º ESO C e lida por Marina Miranda Roura, Carla Martínez Paz e Gabriel Otero Vidal.

    XABIER P. DOCAMPO: “AS NOSAS VIDAS SON UN RELATO”

    Posted on Abril 22nd, 2012 in Entrevistas,Hoxe visítanos... by ENDL

    O mércores 28 do marzo o escritor Xabier P. Docampo visitou o Castro Alobre para conversar co alumnado de 1º ESO sobre o libro que leron na 2ª avaliación: O pazo baleiro. Aínda que o motivo da visita era este, ao final a charla do autor, dado o gran conversador que é, acabou converténdose nunha reflexión conxunta sobre o necesaria que é a literatura nas nosas vidas. Docampo fíxolles ver os aos mozos e mozas alí presentes que os seres humanos necesitamos comunicarnos, contar o que nos pasa, e no momento en que nos convertemos en narradores do que vemos ou protagonizamos, aí xa está a abrollar a literatura.

    Horas e horas poderían pasar falando e falando, pero tocou o timbre e houbo que dar por rematada a sesión. Con todo, aínda lle roubamos a Xabier uns minutos máis para podervos ofrecer a todos os que non puidestes asistir a esa charla unha fantástica entrevista elaborada por catro das rapazas do noso Equipo: Paula Cobo, Nahima Garrido, Laura Redondo e Loaira Santos (parabéns, mozas, excelente traballo!). Aí vos vai, co desexo de que vos guste.

    CONVERSAMOS CON XABIER P. DOCAMPO: “ESCRIBO EN GALEGO PORQUE SON GALEGO”

    -Ímoslle facer unha pregunta que nos ten intrigados a todos: o P. do seu nome, de onde vén?

    É o meu primero apelido: Ponte. Que non o use como escritor ten relación co meu fillo cando era máis pequeno, porque lle daba vergoña que o relacionaran comigo; cando dicía o seu apelido “Ponte” preguntábanlle por min.

     -Por que decidiu escribir en galego?

    Se eu fose inglés non me preguntariades iso, por que escribo en inglés. Escribo en galego porque son galego.

     -Nunca pensou en escribir en castelán?

    Non. Escribo e publico en Galicia, por iso o fago en galego. Outra cousa é que teña obras traducidas a outras linguas, entre elas o castelán.

     -De pequeno gustáballe a literatura, ou nunca pensou en ser escritor?

    Pequeno aínda sigo sendo  (entre risas). Descubrín a literatura ós oito anos e aí decidín ser escritor. O meu pai era un magnífico narrador. Á miña nai gustábanlle as poesías, ainda que só foi dous anos a escola e é costureira. De todas maneiras, só me sinto escritor cando escribo.

     -Por que decidiu dedicarse a isto?

    Veu así, non o decidín. Nunca me interesou moito o de publicar. Estou máis orgulloso dos libros que lin que dos libros que escribín.

     -Como foron os seus comezos?

    Empecei a andar ós trece meses, creo  (dío con ton irónico). Son cousas que foron ocorrendo ó longo da miña vida. Comecei a facer teatro e cousas así, polo tanto, non sei cando empecei exactamente. Gustaríame saber, iso si, cando terminarei.

     -Cal foi o primero libro que escribiu? Custoulle moito? A que idade o escribiu?

    O misterio das badaladas foi o primeiro libro que publiquei. Non me custou, por desgraza foi moi fácil; vendín máis de 100.000 exemplares. Xa non era novo, tiña eu 37 ou 38 anos. Xa levaba tempo escribindo, pero nunca me interesara excesivamente o de publicar

     -Inspírase nalgún aspecto da súa vida para crear os personaxes e as historias?

    Nada sae da nada. Todo sae da miña vida pero non sei identificar sempre cada unha das persoas que me inspiran. Non podes facer un burro con ás se non sabes o que é un burro nin o que é a facultade de voar.

     -Cal é o libro que máis lle gustou escribir? E o que máis lle custou?

    Non sei. En todos os colexios me preguntan iso pero eu nunca souben contestar. O que máis me custou foi o que estou escribindo agora, sen dúbida.

     -Cal é o seu autor e libro favorito?

    Iso é moi difícil de contestar, non hai un só. Pero sen dúbida para min o autor máis completo é Álvaro Cunqueiro; abrangueu todos os xéneros maxistralmente, gústame moito toda a súa obra. En canto aos libros,  o que máis me marcou foi A illa do tesouro de Stevenson: ensinoume cousas sobre min que nin eu mesmo sabía.

     O 27 de marzo fomos ao Museo Provincial de Lugo e, para facer unha actividade alí, tivemos que ler os Contos do Museo. Vostede escribiu o primero relato, titulado Visita nocturna.

    -Visitou algunha vez o museo de Lugo?

    Si, claro; moitas veces. Pero a última vez visiteino máis a fondo para poder facer o relato.

     -Que foi o que máis lle gustou?

    Aquela escultura de Asorey que aparece no conto, que está no vestíbulo da primeira planta.

     -Que foi no que se inspirou para facer o relato?

    No percorrido que fixen polo museo e que tiña ganas de facer un conto de misterio.

     -E agora querémoslle facer unha última pregunta; nestes tempos de crise, como ve o futuro da literatura galega?

    De verdade, estou convencido disto: unha das mellores maneiras de saír da crise é o camiño da cultura.

     

          O escritor coas reporteiras

    O FANTÁSTICO UNIVERSO DO CÓMIC

    Posted on Marzo 29th, 2012 in Entrevistas,Hoxe visítanos...,Obradoiros by ENDL

    Cando neste segundo trimestre lles dixemos aos de 2º ESO que ían recibir unha “clase” especial no salón de actos, todos pensaron: “Máis clases? De que? De Matemáticas, Historia, Galego ou outra cousa chunga? Pois que sorte!”.

    Pero as súas caras e o seu entusiasmo mudaron enseguidiña ao saberen que quen nos visitaba era  Abraham Carreiro e que o que ían aprender con el  serían fantásticas técnicas para crear os seus propios cómics. 

     Así pois, o salón de actos converteuse nun gran obradoiro de banda deseñada no que os rapaces e rapazas puideron recibir a axuda e os consellos do ilustrador vigués, poñendo en práctica algunhas das principais estratexias e trucos para expresar as emocións dos personaxes, centrar a atención nun punto concreto da viñeta, etc.

    E xa que nos veu visitar, quixemos aproveitar a ocasión para lle facer unha pequena entrevista e coñecelo un pouquichiño máis. Dúas das intrépidas reporteiras do noso Equipo, Paula Fernández e Antía Miguéns, conversaron con Abraham preguntándolle por distintos aspectos da súa faceta profesional. Velaquí tedes o resultado. Desexamos que vos guste.

    ABRAHAM CARREIRO: “Na banda deseñada galega hai grandes creadores”

    REPORTEIRAS: Lembras en que momento te interesaches polo cómic?

    ABRAHAM: Desde ben pequeno son lector de cómic; por outra parte, sempre me gustou debuxar, xa facía traballos no instituto… A ilustración foi algo que me chamou sempre.

    REPORTEIRAS: Cres que tivo algo que ver o teu pai nesa afección?

    ABRAHAM: Directamente non, indirectamente si. Quero dicir que el nunca me enfocou cara a iso, saíu de min. Pero claro está que velo a el traballar na casa, os seus debuxos… iso influíu bastante.

    REPORTEIRAS: O cómic xa che gustaba desde pequeno pero… Por que o cómic como saída profesional?

    ABRAHAM: Pois, primeiro, por iso, porque sempre me gustou; e segundo, porque a ilustración e o cómic permítenme expresar as miñas ideas en papel: poder debuxar o que pensas e como queiras é o que máis me fascina deste traballo. 

    REPORTEIRAS: Que cómics e autores de banda deseñada están entre os teus favoritos?

    ABRAHAM: Os cómics que eu lía creo que aínda vos gustan agora: Asterix, Tintín, Lucky Luck…; e autores que admire, pois Robert Crumb, Moebius, Reimundo Patiño…

     REPORTEIRAS: Tes algún proxecto en mente ou estás traballando en algo neste momento?

    ABRAHAM: Si, proxectos teño moitos. Agora mesmo traballo na elaboración dunhas mascotas para unha exposición e o que me ten máis ocupado é a segunda parte de Xoeliki.

    REPORTEIRAS: Neste contexto de crise, como ves a situación da banda deseñada galega?

    ABRAHAM: Pois artisticamente, en canto a creadores, francamente ben; economicamente, mal, como a edición de calquera libro neste momento. Pero creo que a situación é complicada en case todos os  sectores profesionais a día de hoxe.

    REPORTEIRAS: Xa para rematar, por que o galego como idioma dos teus cómics?

    ABRAHAM: Iso é evidente: porque é o meu idioma, no que me expreso e falo, e porque é tan válido coma calquera outro.

          Antía e Paula con Abraham

          Antía e Paula con Abraham