Feed

13 PUNTOS MENOS

Posted on Outubro 15th, 2014 in Opinión by ENDL

Trece puntos menos, eses son os que baixou o uso habitual da lingua galega no noso país. No 2001, un estudo sinalaba que o 57% da poboación do país tiña o galego como lingua cotiá. O 30% empregábao “ás veces” e o 13%, nunca. No 2011, os falantes habituais de galego son o 44%. “Ás veces”, o 45% da poboación e “nunca”, o 11%.

Os datos acaban de saír á luz nun estudo do IGE (Instituto Galego de Estatística) e resultan, realmente, alarmantes. Os que estamos en contacto, diariamente, coas xeracións máis novas somos conscientes desta sangría e cremos que, aínda que a nosa lingua está danada dun xeito moi serio, estariamos a tempo de pórlle remedio, con estratexias adecuadas e encamiñadas á recuperación do seu prestixio e derivado disto, a un incremento do seu uso.

Pero a Administración “valora positivamente” as cifras anteriores porque suma quen usa o galego “sempre” e quen o fai “ás veces”, dando un total de 89%. Que vos parece? Hai motivos para ser optimistas? Nós non os percibimos.

Praza Pública

        fobia_numero_trece

EN VOZ ALTA

Posted on Outubro 14th, 2013 in Opinión by ENDL

Tiñamos un chisco esquecida esta sección, pero hoxe bota a andar de novo cun artigo de Xiana Meda López, de 2º BAC D. Cal é o poder da TV?. Ela opina. Vós podedes facer o mesmo (calquera membro da comunidade educativa),enviando as vosas aportacións a ENDLcastroalobre@gmail.com
Graciñas, Xiana!

Actualmente, a televisión é un dos electrodomésticos imprescindíbeis de calquera fogar ou bar, o que demostra o poder que ten sobre a poboación. Só limitándonos ao ámbito galego e á mocidade, un estudo revela que lle adican tres horas diarias. Este resultado reforza aínda máis a idea de que ten unha influencia innegábel sobre nós.
O seu éxito débese en parte á variedade de programación que ofrece: dende debuxos para cativos/as ata telexornais, polo que atrae a un público moi diverso. É difícil non atopar un programa que che interese e que consiga terte enganchado ata que remate. Pero a TV pode ser unha forma de manipulación nalgúns casos, pois non sempre nos informan do que pasa: ben suprimindo certa información, dándolle máis importancia a outra, ben dicindo aquilo que queren que saibamos. É dicir, ás veces intentan construír un pensamento na sociedade que non favorece o espírito crítico. Mais o seu poder non se limita só a iso, senón que chega a crear prototipos de beleza, de actitudes ou primar o material, o que pode fomentar a marxinación ou o rexeitamento daquelas persoas que non sigan o patrón amosado.
En conclusión, a televisión vén sendo un produto de masas, que conseguiu en moitos casos a redución da lectura, que esixe máis esforzo. Estaría ben que cada persoa lle adicase case o mesmo tempo a estes dous fenómenos, que na súa xusta medida teñen moito que aportar.

Clicade na imaxes para amplialas e poder ler as viñetas.

ÉRACHE BOA!

Posted on Setembro 30th, 2013 in Opinión by ENDL

Isto era o que nos faltaba!. O baleiro e a apropiación que fan algunhas editoriais casteláns da nosa lírica galego-portuguesa.
Sobre isto, lede o artigo que Valentina Formoso, docente e voceira da Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística publicou en Voces de Prolingua. Paga a pena!

Digades filla
Por Valentina Formoso

Dime, hija, hija mía lozana…

No remate dun verán máis no que nais e pais falaron do moito tempo sen escola que teñen os rapaces e rapazas, do número de cadernos que fixeron para repasar (obviamente de “lengua” (castelá), de inglés e de matemáticas, quedando a nosa lingua maioritariamente excluída tamén dos deberes de verán), xa toca empezar co tema do novo curso académico e dos libros de texto.

Nas vésperas de comezar o novo curso, un máis a sumar no proceso de desgaleguización do que vimos dando conta nestas Voces, non pensen, lectores e lectoras, que o tema deste artigo vai versar sobre os libros que a sociedade do futuro ten que engulir en inglés para aprender algo sobre o toxo -cada vez máis queimado- dos nosos montes. Este plurilingüismo, mal entendido e mal enfocado, xa claramente plasmado noutra “voz” por Mercedes Queixas, véndeselle ás familias como a panacea dunha modernidade que, na realidade, encobre o desleixo pola lingua propia de Galicia e pola súa promoción e normalización. Disto, máis ou menos, xa estamos ao tanto. Pero escápansenos detalles que, se cadra, por non viren orquestrados en Decretos, non lle damos a importancia que teñen, pero que -non fondo- teñen a intención de reducir a nosa cultura, non só ao tamaño bonsai, senón ao de gañota, despois de cortala polo pé.

Volvamos aos libros de texto. Nun deles, o de Lingua castelá e literatura de 2º ESO da editorial SM, hai un bo exemplo destes intentos. Na páxina 128 (unidade 6) fálase do xénero lírico e os e as discentes que traballan con este material, teñen unha mostra de como se tratou o amor na poesía nas diferentes épocas da literatura (castelá). O primeiro texto, pertencente á Idade Media, está tirado, segundo reza no pé, dunha “Antología de la poesía medieval” da editorial Ágora. E de que poema da “poesía medieval española” pensades que se trata? Pois un que empeza: “Dime, hija, hija mía lozana…”, que vén sendo a tradución da famosa cantiga de amigo escrita en galego-portugués (dato que non se cita en ningures, por suposto):

Digades filla, mia filla belida

por que tardastes na fontana fría

Os amores hei…

Mais o que o alumnado pode ver e ler é:

Dime, hija, hija mía lozana

por que tardaste en la fría fuente?

Amores tengo

-Tardé madre en la fuente fría

porque los ciervos del monte el agua revolvían

Amores tengo

Tardé madre mía en la fría fuente

porque los ciervos del monte revolvía el agua

Amores tengo

-Mientes, hija mía, mientes por tu amigo

Nunca viu un ciervo que revolviese el río

Amores tengo

Ademais de presentaren estes versos sen ritmo nin rima, os mesmo que montaron o escándalo pola cita do artigo 5.1 do noso Estatuto … argumentarán que este é un libro dunha editorial estatal que tanto se vende en Murcia, en Salamanca ou na Coruña e que teñen que “entendelo”… O que non escoitei aínda foi a explicación que lle dan a que aínda neste curso que pasou se lles ensinase aos estudantes de secundaria que as cantigas galego-portuguesas e as jarchas formaban parte da literatura castelá medieval,…. E que o peor deste intento de usurpación da nosa brillante lírica medieval non é que nun libro apareza unha cantiga traducida, senón que o profesorado de castelán en Galicia explique, ratifique e reafirme tal cantiga “medieval castellana” diante do alumnado… A este paso aínda teremos que escoitar que a que aparece no libro de “gallego” é tradución, ou unha copia, da de castelán…

Ao lado dunha política lingüística autonómica que está triunfando no intento de arrincar o galego desde as escolas infantís ata o bacharelato, hai outras políticas máis “sibilinas” pero que cumpren a mesma función des-normalizadora para a cultura galega en xeral e para a lingua en particular. A intención é arrasar, pero con menos fume ca o que botan os montes, de aí que cause menos estupor social, mais mostra o nulo interese polo patrimonio propio: histórico, cultural, lingüístico e ecolóxico.

    DO DÍA ESE DAS LETRAS GALEGAS

    Posted on Maio 1st, 2013 in Opinión by ENDL

    A escasos días do 17 de maio, traemos este artigo de Xesús Constela, publicado en Sermos Galiza. Concordamos plenamente con el. Hai que celebrar, por suposto, pero doutro xeito.

    Vaia por diante que non me gusta que se celebre un Día das Letras Galegas, e moito menos que a xornada sexa festiva. Non me gusta nada.
    Non me gusta que os xornais que ao longo do ano levan todo o seu contido en castelán ese día publiquen as portadas en galego coma unha concesión á cultura de nós. Paréceme unha tomadura de pelo!
    Non me gusta que se conmemore a morte de alguén falecido como mínimo dez anos antes porque odio esa cultura funeraria. E ódioa porque son partidario das homenaxes para as persoas vivas, especialmente para todas esas persoas que con vida tecen nas mans poemas, novelas, obras de teatro, ensaios tamén abraiantemente cheos de vida.
    Como pode ser que neste país de nós non exista un gran premio nacional de literatura para todas esas persoas que consagran a vida enteira a nos facer gozar do seu traballo de calidade inmensa? E non falo dun recoñecemento honorífico (que está moi ben) senón dun galardón dotado cunha boa cantidade de cartos que sirvan para expresar o agradecemento do pobo todo ao labor de poetas, narradores, ensaístas, dramaturgos, literatos en fin, que con enorme dignidade van deixar a súa pegada na nosa historia común?
    Non me gusta o Día das Letras Galegas. Nin o nome me gusta.
    E aínda me gusta menos que se declare festivo porque iso supón que para a meirande parte da poboación acabe convertida nun día de sol e praia.
    Sinto unha tremenda envexa desas rúas da cidade de Barcelona ateigadas de xente a comprar libros o vinte e tres de abril na Diada de Sant Jordi (O ano pasado arredor de millón e medio de exemplares!). E sinto unha envexa que é directamente proporcional á mágoa que me dá ver as librarías de nós todas pechadas nese maldito Día das Letras Galegas festivo!
    Nada. Non me gusta nada!

    EN VOZ ALTA

    Posted on Xaneiro 27th, 2013 in Opinión by ENDL

    Hoxe inauguramos unha nova sección que chamaremos En voz alta. Con ela queremos abrir unha ventá a toda a comunidade educativa para que poida opinar e reflexionar sobre calquera tema así, en voz alta.
    Animádevos e enviade os vosos escritos a ENDLcastroalobre@gmail.com
    E botamos a andar cun artigo de Cristina García Losada, de 4º Eso A, sobre os partidos de esquerdas e de dereitas. Son ou non son o mesmo?. Ela aporta argumentos a favor e en contra.
    Que opinades?
    GRAZAS, CRISTINA
    Os partidos de esquerdas e dereitas, non foron, non son e non serán nunca o mesmo porque a dereita é moito máis conservadora; fundaméntase moito na relixión e é fomentadora da distición entre clases sociais. Mentres que a esquerda, pola contra, está máis a favor da distribución da riqueza, da solidaridade, da igualdade social e, sobre todo, dende o meu punto de vista, é moito máis avanzada en canto á liberdade e progreso moral que a dereita; isto pode ser en parte a que é unha alternativa laica que non está dominada por ningunha relixión.
    Outra razón, tamén relacionada cos seus ideais, son os medios que utilizan para acadar a súa fin,para defender a súa opinión. Mentres que a esquerda fomenta a manifestación, o pensamento libre, o diálogo aberto e sen censura, a dereita quizais sexa máis prudente niso, máis calada; e, ás veces, ese silencio pode desembocar en máis radicalismo, máis desigualdade, e, sobre todo, moita menos liberdade.
    A diferenza é clara e resúmese en poucas palabras, dous ideais, dúas filosofías de vida.
    Pero tamén podemos pensar que os partidos de esquerdas e dereitas, sempre acaban sendo o mesmo. Por que?
    En primeiro lugar, aínda que superficialmente nos poida parecer que defenden ideoloxías diferentes, ó fin e o cabo sempre acaban sendo case unha copia.
    Ambos queren chegar ao goberno, escudándose no principal motivo de querer o ben común para todos a cidadanía e para o territorio que gobernen en xeral. Ambos menten, prometendo cousas que non van cumprir e intentan derrocar ao seu contrario dunha forma moi pouco democrática,sempre criticando e nunca colaborando. E, cando por fin acadan o posto que desexaban responden con políticas exactamente iguais ou peores que as do goberno anterior. Así,todo volve a entrar no mesmo círculo, o un que crítica ó outro, o outro que recunca no poder e volver ser criticado, en resumo, o peixe que morde a cola.
    Outra razón pola que me parecen idénticos, é pola ansia de permanecer no poder indefinidamente, ata que o mundo remate. Porque os dous, teñan as ideas que teñan, sempre queren estar aí, no poder, sen deixar paso a rostros e a correntes novas, sempre a mesma a historia coa mesma fin, a ambición ante todo, a ansia de ter e abranguer o máis posible.
    E, finalmente, tanto queren ter, que esquecen ofrecer a quen máis o necesita, á opinión que máis importa, ao pobo.