Feed

OS DOUS FRIKIS

Posted on Maio 14th, 2017 in En voz alta by ENDL

Artigo de Manuel Gago na Voz de Galicia.

No instituto de Vilagarcía de Arousa no que eu fixen COU, de mil estudantes só había dous rapaces que saíran do armario lingüístico: Ricardo, que falaba e escribía en galego, e eu, que o escribía e comezaba timidamente a falalo.

Como un signo do propio país, os dous galegófilos do instituto tamén tiñamos a nosa creba conceptual: Ricardo era reintegracionista e eu non. Aínda así, levabámonos ben.
Quero crer que, co tempo, algúns máis daqueles 998 rapaces e rapazas aceptaron que o galego non era lingua de paletos nin de frikis como Ricardo ou eu, pero non me atrevería a dar unha porcentaxe optimista.
Penso hoxe niso, en pleno mes das letras galegas, cando observo o gran esforzo persoal, educativo e, ás veces tamén, institucional por celebrar as letras do país, e non sei canto del consegue o efecto de gañar activos para a nosa lingua e a nosa cultura. Para canta xente facemos este esforzo?
Os que hoxe aceptamos ir falar a colexios e institutos, e continuamos na defensa da lingua e a cultura galegas, somos a suma daquela minoría friki dos institutos de principios dos anos 90, que continuamos, en moitos casos, defendendo os valores que, daquela, aprendemos dalgunha profe ou nalgún libro.
Así que cando vexo a esas clases obrigadas a escoitarnos, tendo a imaxinar que, agachad
o nalgunha desas filas, adiante ou atrás, está a rapaza ou o rapaz que seguirá crendo nisto e nos sucederá nesta tarefa que semella imposible. Unha ou dúas de trescentos ou catrocentos. Como leva sendo así desde principios do século XX.

RENUNCIA DA CGENDL AO PREMIO DA CULTURA GALEGA 2015

Posted on Outubro 6th, 2015 in En voz alta by ENDL

A seguir, o comunicado da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización da Lingua, onde explica a súa decisión de non aceptar o Premio da Cultura Galega 2015 na modalidade de Lingua.

Desde o EDNL do IES Castro Alobre, agradecemos o seu traballo incansable e valoramos esta decisión como un exemplo de coherencia.

EN VOZ ALTA

Posted on Novembro 26th, 2013 in En voz alta by ENDL

Moitas grazas a Mª Paula Gayo Morales, de 2º BAC C, polo texto sobre as razóns polos que a poesía é un xénero con menos lectores/as cá novela.

A poesía é ese gran xénero olvidado por un gran número de afeccionados á lectura por diversos motivos. Un dos principais é a implicación do lector/a que a lectura dun poema require.
Mentres que nunha novela se narran accións, nun poema a intención fundamental é “conxelar” un sentimento, un estado de ánimo no papel e transmitir esta sensación ao lector/a. A miúdo preséntansenos composicións poéticas curtas cun elevado número de metáforas e outros recursos literarios, o que implica unha lectura activa para a comprensión do texto e múltiples interpretacións. Nunha sociedade como a actual, na que se prefire a tele-lixo, antes que ler un libro (o que esixe certo esforzo intelectual) como liña xeral, non é de sorprender que esta mentalidade do mínimo esforzo se estenda tamén ao xénero literario.
A poesía require máis traballo á hora de comprendela, debido á súa habitual concisión e abundancia de figuras estilísticas. En contraposición, a novela ofrece unha narración das accións que seguen un determinado fío argumental, polo que o seu primeiro obxectivo non é plasmar sentimentos, senón maís ben, entreter. Por isto, creo que a lírica ten menos lector@s cá narrativa.