Feed

CUPIDO VEU SEN FRECHAS E TROUXO PIRULETAS

Posted on Marzo 2nd, 2011 in Celebracións,Concursos e certames by ENDL

Como dicía o poeta, “Un corazón solitario non é un corazón” e, como dicimos nós,  “un corazón baleiro ben podería ser coma… Un peixe sen mar? Un campo sen flor? Un bocata sen o do medio?” Claro está que de poesía andamos máis ben escasos, pero para poetas algúns dos nosos alumnos e alumnas, que escribiron os seus fermosos versos no gran corazón que vedes na foto.

E é que, para celebrarmos o Día dos Namorados, enchemos ese xigantesco corazón de fermosas declaracións de amor: de amor polo mozo ou a moza, polos nosos pais e nais, polas mellores amigas e amigos, e incluso por eses titores e titoras, profes e profas que berran moito pero… Hai que ver qué ben berran!

Como podedes ver nestoutra foto, as mellores mensaxes tiveron o seu doce premio: unha “romantirriquísima” piruleta, aínda que algúns non a chegaron a saborear porque sempre ten que andar por aí algún corazón roto e resentido ou mesmo morto de fame: isto é, un corazón solitario e coa solitaria. En fin!

Na imaxe de abaixo tedes a declaración gañadora. A autora é Carlota Reirís, alumna de 1º ESO B. Os seus versos foron escollidos, ademais, como poema do mes febreiro do noso blog. Cousa bonita!

Moitas grazas a todos os amantes, namorados e namoradas, celestinos e celestinas, amadores e amadoras e peixes varios que participaron neste concurso demostrando que, para expresar o amor, o galego é a lingua mellor. (Véxase, ao respecto, toda a documentación medieval ; ) )