Feed

O FANTÁSTICO UNIVERSO DO CÓMIC

Posted on Marzo 29th, 2012 in Entrevistas,Hoxe visítanos...,Obradoiros by ENDL

Cando neste segundo trimestre lles dixemos aos de 2º ESO que ían recibir unha “clase” especial no salón de actos, todos pensaron: “Máis clases? De que? De Matemáticas, Historia, Galego ou outra cousa chunga? Pois que sorte!”.

Pero as súas caras e o seu entusiasmo mudaron enseguidiña ao saberen que quen nos visitaba era  Abraham Carreiro e que o que ían aprender con el  serían fantásticas técnicas para crear os seus propios cómics. 

 Así pois, o salón de actos converteuse nun gran obradoiro de banda deseñada no que os rapaces e rapazas puideron recibir a axuda e os consellos do ilustrador vigués, poñendo en práctica algunhas das principais estratexias e trucos para expresar as emocións dos personaxes, centrar a atención nun punto concreto da viñeta, etc.

E xa que nos veu visitar, quixemos aproveitar a ocasión para lle facer unha pequena entrevista e coñecelo un pouquichiño máis. Dúas das intrépidas reporteiras do noso Equipo, Paula Fernández e Antía Miguéns, conversaron con Abraham preguntándolle por distintos aspectos da súa faceta profesional. Velaquí tedes o resultado. Desexamos que vos guste.

ABRAHAM CARREIRO: “Na banda deseñada galega hai grandes creadores”

REPORTEIRAS: Lembras en que momento te interesaches polo cómic?

ABRAHAM: Desde ben pequeno son lector de cómic; por outra parte, sempre me gustou debuxar, xa facía traballos no instituto… A ilustración foi algo que me chamou sempre.

REPORTEIRAS: Cres que tivo algo que ver o teu pai nesa afección?

ABRAHAM: Directamente non, indirectamente si. Quero dicir que el nunca me enfocou cara a iso, saíu de min. Pero claro está que velo a el traballar na casa, os seus debuxos… iso influíu bastante.

REPORTEIRAS: O cómic xa che gustaba desde pequeno pero… Por que o cómic como saída profesional?

ABRAHAM: Pois, primeiro, por iso, porque sempre me gustou; e segundo, porque a ilustración e o cómic permítenme expresar as miñas ideas en papel: poder debuxar o que pensas e como queiras é o que máis me fascina deste traballo. 

REPORTEIRAS: Que cómics e autores de banda deseñada están entre os teus favoritos?

ABRAHAM: Os cómics que eu lía creo que aínda vos gustan agora: Asterix, Tintín, Lucky Luck…; e autores que admire, pois Robert Crumb, Moebius, Reimundo Patiño…

 REPORTEIRAS: Tes algún proxecto en mente ou estás traballando en algo neste momento?

ABRAHAM: Si, proxectos teño moitos. Agora mesmo traballo na elaboración dunhas mascotas para unha exposición e o que me ten máis ocupado é a segunda parte de Xoeliki.

REPORTEIRAS: Neste contexto de crise, como ves a situación da banda deseñada galega?

ABRAHAM: Pois artisticamente, en canto a creadores, francamente ben; economicamente, mal, como a edición de calquera libro neste momento. Pero creo que a situación é complicada en case todos os  sectores profesionais a día de hoxe.

REPORTEIRAS: Xa para rematar, por que o galego como idioma dos teus cómics?

ABRAHAM: Iso é evidente: porque é o meu idioma, no que me expreso e falo, e porque é tan válido coma calquera outro.

        Antía e Paula con Abraham

        Antía e Paula con Abraham

“O tendal dos versos” ou “Ao sol da poesía”

Posted on Marzo 26th, 2012 in Celebracións by ENDL

O Mércores 21 de marzo conmemoramos o Día Internacional da Poesía cunha actividade ben chuliña. Enchemos toda a reixa da fachada principal do instituto con versos en papeliños de cores, cada un coa súa pinciña, a xeito de tendal: poesía ao sol.

E quen se encargou de recoller canta cousa bonita había alí a “secar”? Pois toda a xente que por alí pasaba, xa que o noso lema foi o de LEME, LÉVAME, COMPÁRTEME.

Velaquí vos deixamos unhas fotos do noso particular contributo á Marea de versos que percorreu Vilagarcía ese día.

GRUPOS FINALISTAS: E TI, QUE SABES?

Posted on Marzo 25th, 2012 in Concursos e certames by ENDL

O concurso E TI, QUE SABES? vai tocando ao seu fin despois de transcorridas tres semanas. Presentamos, a continuación, os 3  grupos finalistas, que acadaron 11,5 respostas correctas cada un deles.

GRUPO A

Nahima Garrido Barral – 1º ESO F

Laura Redondo Dasilva – 1º ESO F

Paula Cobo Arroyo – 1º ESO F

GRUPO B

Marta Carregal Chedas – 1º BACH B

Jose López Cadahía – 1º BACH B

Miguel Tomás Fiuza – 1º BACH B

GRUPO C

Carlota Carregal Chedas – 1º ESO E

Nuria Pérez Meaños – 1º ESO E

Alba Rey Pedreira – 1º ESO D

Todo o alumnado finalista deberá presentarse no recreo do mércores, 28 de marzo, no departamento do equipo de normalización e dinamización lingüística, onde lles explicaremos en que consiste a proba de desempate.

Parabéns por seguir aí despois de tres semanas!!!

E TI QUE SABES?

Posted on Marzo 18th, 2012 in Concursos e certames by ENDL

Nesta 3ª semana de concurso, que comeza o luns 19 de marzo, hai 8 equipos clasificados con 8 respostas correctas cada un deles. O listado está exposto, como a semana pasada, no taboleiro do vestíbulo principal do edificio de ESO, ao lado das preguntas, ou podedes consultalo desde aquí.

Esta última semana, as preguntas versarán sobre xeografía de Galicia, para as tres primeiras respostas debedes escoitar con moita atención o vídeo que presentamos a continuación:

    Moitas grazas, unha vez máis,  ao alumnado participante e parabéns porque demostra curiosidade pola nosa cultura.

    Ánimo para os grupos clasificados.

E TI QUE SABES?

Posted on Marzo 11th, 2012 in Concursos e certames by ENDL

O noso concurso está tendo moito éxito nesta nova edición. Moitas grazas, a todo o alumnado inscrito, polo interese demostrado.

Nesta 2ª semana de concurso, que comezamos o luns 12 de marzo, hai 15 equipos clasificados con 4 respostas correctas cada un deles. O listado está exposto no taboleiro do vestíbulo principal do edificio de ESO, ao lado das preguntas, ou podedes consultalo desde aquí.

Como aparece nas bases, esta semana, as preguntas versarán sobre literatura galega, cando as teñas lido, saberás que debes visitar a biblioteca para intentar respondelas.

Ánimo para todos os grupos clasificados.

CARTA DE AMOR A LIZZY

Posted on Marzo 9th, 2012 in Concursos e certames by ENDL

 

                                                              Londres, 14 de febreiro, 1913.

               Querida Lizzy:

               Estou triste sen a túa presenza. Boto de menos os aloumiños xunto ó lume, as caricias dos teus beizos e a dozura das túas palabras. Teño frío sen a calor da túa esencia.

              A vida fóra de Galicia, sen ti, é dura; esperto cada día, pensando que falta menos para achegarme a ti. No meu pensamento está gravada a túa cara branca como a neve; as túas mans, fráxiles como a porcelana; os teus ollos como dous grandes acibeches que se acenden cada noite de lúa chea; o teu sorriso marcado con dúas bandas de cor carmín e as túas perlas mariñas.

               Xa quedan dúas semanas para volver apreciar os teus trazos máis nítidos do que os teño agora; a pesar de que o tempo sen ti é lento, algunha vez terá que acabar esta tortura para os dous.

               Mándoche todo o meu amor e cariño pechado neste sobre,

                                                                                                     Erik. 

Aí queda iso!

Esta é a romántica carta gañadora do Certame de Poemas e Cartas de Amor organizado pola ANPA, BIBLIOTECA e o noso ENDL. A súa autora é Eugenia García Magaña, que recunca un ano máis niso de recibir o primeiro premio. Esta moza promete! 

    As gañadoras da modalidade en galego e castelán xunto con representantes da ANPA, Biblioteca, ENDL e o Director

    Tamén subimos ao blog estoutro fantástico poema de Marta Carregal Chedas, que por complicacións técnicas de última hora non puido entrar a concurso (e é que as novas tecnoloxías son xa case como o amor: non podemos vivir sen elas e se nos fallan… moito nos fan sufrir!):

    Correr en augas temperadas,

    nadar en serras nevadas,

    ollar o ceo na noite

    non oír nin o ruído dun coche.

    Sen quitarmo da mente,

    o teu recordo aínda presente,

    desexando así…

    Que nunca se volva ausente.

    Desde o ENDL felicitámosvos a todos os que participastes e animámosvos a que o sigades facendo en vindeiras edicións do Certame. Mentres tanto…  Que o Amor vos acompañe! (E xa de paso, a saúde que non falte).

E TI QUE SABES?

Posted on Marzo 4th, 2012 in Concursos e certames by ENDL

O luns, 5 de marzo de 2012, comeza unha nova edición do concurso E TI QUE SABES?
Para participar podes consultar as bases no taboleiro que está no vestíbulo principal do edificio da ESO ou desde aquí.
Esta primeira semana o tema é a MÚSICA. Prestade atención ao seguinte vídeo, xa que, escoitando detidamente a canción de MARÍA XOSÉ SILVAR, poderedes responder á primeira pregunta do concurso.

ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR!