Feed

SABÍAS QUE…no Samaín os defuntos falaban castelao?

Posted on Outubro 30th, 2012 in Sabías que... by ENDL

Achégase novembro e con el, non só o cambio de hora, senón tamén o Samaín. Sabiades que é unha festividade de orixe celta na que se celebraba a fin do verán e o remate das colleitas? Ademais, os mortos tiñan permiso para camiñar entre os vivos, dándolle á xente a oportunidade de reunirse cos seus antergos finados.
Co cristianismo, o Samaín converteuse no día de Todos os Santos e de aí deriva o inglés Halloween, festividade celta levada polos irlandeses a EEUU, e non ao revés.
E o das cabazas? Pois tamén procede dunha tradición irlandesa. Primeiramente, o costume era baleirar nabos e logo cabazas, para poder introducir unha vela dentro, iluminando así os espíritos.

E como remate, unha curtametraxe moi apropiada para estas datas. Está baseada nun conto do lucense Anxel Fole titulado Os defuntos falaban castelao. Se o queredes ler, inclúese na obra Á lus do candil.

Pasádeo ben e ollo coas ánimas!

OLLOS DE AULA

Posted on Outubro 25th, 2012 in Publicacións by ENDL

Desde a Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística acaba de pórse en marcha unha nova revista, chámase Ollos de aula e vai dirixida a todas as familias que desexen coñecer novas moi gorentosas sobre libros, reformas educativas, consellos para ter éxito nos estudos, etc…

Se pinchades enriba da portada accederedes directamente ao primeiro número da revista. Comunicaremos neste blog a publicación dos vindeiros números.
Agardamos que vos interese.

HOXE RECOMENDAMOS…

Posted on Outubro 15th, 2012 in Hoxe recomendamos... by ENDL

Amor, cartón, pranto, aforro, barco, berros, praia,
nai, caixa, amor, terra, vertedoiro, aperta, pranto,
Aihala, sorriso, poboado, lume, nai, pranto, cuarto,
caixa, zapatos, amor, nai, sorriso…

Poucas palabras se precisan para construír unha historia tan fermosa e desgarradora a un tempo. Non tardes en lela, está na biblioteca.

Chámase Caixa de cartón (2010), un álbum ilustrado publicado por OQO, con texto de Txabi Arnal e ilustracións de Hassan Amekan.

DO ALUMNADO PARA ANA

Posted on Outubro 9th, 2012 in Homenaxes,Sen clasificar by ENDL

Recordos de 1º bacharelato D, da clase que aturaches as primeiras e últimas horas das mañás máis longas.

        NEGRA SOMBRA
        Cando penso que te fuches,
        negra sombra que me asombras,
        ó pé dos meus cabezales
        tornas facéndome mofa.
        Cando maxino que es ida,
        no mesmo sol te me amostras,
        i eres a estrela que brila,
        i eres o vento que zoa.
        Si cantan, es ti que cantas,
        si choran, es ti que choras,
        i es o marmurio do río
        i es a noite i es a aurora.
        En todo estás e ti es todo,
        pra min i en min mesma moras,
        nin me abandonarás nunca,
        sombra que sempre me asombras.

AQUÍ ESTOU!!!

Posted on Outubro 7th, 2012 in Homenaxes by ENDL

Cometendo un pequeno abuso, vou hoxe botar man da clave de acceso á Voz do Alobre para facer eu tamén, a xeito de despedida, unha sincera homenaxe a todos os que traballastes comigo nestes dous fermosos anos.

Son Ana Ledo, e a estes que vou citar me debo (perdoade o pareado cutre; é que se me poño excesivamente sentimental, boto o domingo enteiro a chorar…). Imos aló:
_ A todos e cada un dos membros deste Equipo e mais aos que connosco colaboraron na posta en marcha dos nosos proxectos. Permitídeme que, neste apartado, faga mención especial das miñas, xa para sempre “chicas moving”: CARME, MARÍA, OLGA e ESTHER, que son e serán FONTE, PONTE, NORTE e a maior SORTE que puiden encontrar na miña andaina como docente.
_ A todos os alumnos que encheron as páxinas deste blog cos seus traballos e ilusión. Sen eles non habería soño, sen eles nada tería sentido. E como son unha pesada (eles xa o saben) recórdolles e recordareilles sempre que se son galegos é pola lingua que posúen e que, por tanto, O GALEGO, ese idioma sobre o que tanto se discute se é útil ou non, en realidade sérvelles para o máis importante: PARA SER QUEN SON.

Para ficar próximo do sempre

Tens de decidir-te nos difíceis momentos em que,

Acompanhado, permaneces só.

Cada um pode acreditar no que quiser, mas a vitória maior

É permanecer no coração de quem nos ama.

[…]

Os momentos mais surpreendentes são
aqueles em que ofereces, não aqueles em que recebes.
Só desse modo poderás sentir-te maior
do que a distância. Só quando caminhares
por dentro de ti mesmo, em busca de ti mesmo,
poderás encontrar outros, e mais outros, e outros ainda,
em recantos, em ruas, nas praias que há em ti.
E verás como esses outros são iguais. E como estão
próximos daqueles que tu amas e daqueles que te amam.
Sorri. Já não estás só.

(Joaquim Pessoa)

 

Soñar estes dous anos convosco foi tarefa fácil; fico INMENSAMENTE AGRADECIDA.

 

GRAZAS SEMPRE, ANA

Posted on Outubro 3rd, 2012 in Homenaxes by ENDL

Dicía Fernando Pessoa que a verdadeira filosofía é “traballar com nobreza, esperar com sinceridade e enternecer-se com o homem”, e os que integramos o ENDL do IES Castro Alobre sabemos que Ana Ledo, a impulsora, creadora e mantedora deste blog, axústase a cada unha das premisas anteriores.
Desde esta ventá, queremos e debemos agradecerlle infinitamente a súa profesionalidade e entusiamo ao longo destes dous anos, traballando arreo na procura dun soño, manter acendida a luz da lingua.
Desde Vilagarcía, onde sempre terá o seu sitio, a Caldas, onde este ano desenvolve o seu labor docente, GRAZAS.

          Grazas polo tempo adicado.
          Grazas polos sorrisos regalados.
          Grazas pola ilusión contaxiada.
          Grazas polo humor compartido.
      E armaremos unha rede de ronseis
      pra recobrar as saudades
      coa súa viaxe feita
      polos océanos do noso corazón “

            Manuel Antonio

COMEZA UN NOVO CURSO!

Posted on Outubro 2nd, 2012 in Hoxe recomendamos... by ENDL

Despois dunhas merecidas vacacións, inda que houbo quen traballou duro no verán e non me refiro só a Javi Gómez Noya, que tamén o fixo…reaparecemos neste novo curso 2012-2013 para continuar “mimando” a nosa lingua dende A Voz do Alobre.

Para comezar con bo ritmo, agasallámosvos con este orixinal vídeo de Disney

    Esperemos que vos anime a participar activamente no Equipo de Normalización, como xa fixestes en cursos precedentes.