Feed

SABÍAS QUE…?

Posted on Novembro 27th, 2012 in Xente interesante by ENDL

O pasado 10 de novembro, na contraportada do xornal el País, lemos unha entrevista interesante a Iban Zaldua, escritor vasco que vén de publicar en Lingua de Trapo, Ese idima raro (Once decisiones cruciales que un escritor vasco está obligado a tomar).
No libro fai un percorrido pola literatura vasca máis recente, ata as súas orixes, defendendo que a súa lingua, o euskera, si mira cara o exterior, rebatendo así a opinión do escritor e filósofo George Steiner sobre o euskera, cando este dixo: “Ese idioma tan misterioso é moi raro, moi poderoso. Quizais por iso a algunha desa xente lle resulte tan imposible aceptar o mundo exterior”.
Zaldua afirma, con lóxica, que na convivencia entre dúas linguas debe protexerse a menos usada e utiliza unha metáfora para falar do contacto lingüístico, que reproducimos a continuación: “É como cando dúas persoas de moi diferente envergadura fan o amor: convén que a máis liviá se sitúe enriba, se non quere ser esmagada. Se ocorre o contrario, por moi boa vontade que se poña hai unha que sae máis perxudicada”.
No caso galego, queda claro cal é a menos beneficiada, non?.
E para que vexades que tamén se liga en galego, vede este vídeo, elaborado desde a Coordinadora Galega de ENDL dentro da campaña “Orgullos@s do noso, orgullos@s do galego”.

25-N: DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Posted on Novembro 23rd, 2012 in Celebracións by ENDL

25 de novembro, Día Internacional de Loita contra a violencia de xénero. A día de hoxe, e no que vai de ano, son xa 43 as mulleres mortas.
Ante isto, cremos que o único camiño segue a ser a educación, acompañada dunha maior conciencia social.
O vídeo que vos presentamos (vía Trafegando Ronseis) foi realizado pola Biblioteca do IES Sánchez Cantón, de Pontevedra. Nel atopamos, por unha banda, información sobre o tema e, pola outra, ARTE con maiúsculas, pois diferentes artistas mundiais denuncian, coa súa ollada artística, esta terrible lacra social.
Parabéns por este traballo espléndido.

DEITADO FRENTE AO MAR

Posted on Novembro 20th, 2012 in Celebracións,Homenaxes by ENDL

Desde a Coordinadora Galega de ENDL invítase a todos os centros educativos a que o día 12 do 12 do 2012 celebren o centenario do nacemento de Celso Emilio cun recitado colectivo dalgún poema deste autor celanovés.
E con tal motivo, encargáronlle un vídeo ao Obradoiro de Plástica do IES As Barxas .O resultado podédelo comprobar agora mesmiño. Alucinante!
Non deixan de sorprendernos gratamente desde este instituto de Moaña. Noraboa unha vez máis ao profesorado coordinador, Luz Beloso e Seso Durán e ás voces do propio Seso,das alumnas Jennifer, Iria, Katia, María, Lucía, Emma, Ana e Andrea e dos alumnos Ismael, Álvaro e Alejandro. Na guitarra eléctrica, Luis Camilo Fernández.
Mil grazas polo voso traballo, talento e esforzo. Cónstanos que o fixestes nun tempo récord.

AXUDEMOS COMO GALEG@S?

Posted on Novembro 17th, 2012 in Campañas by ENDL

Vivamos como galegos, Supergalegos, Malo será…
Sóanvos todos estes lemas publicitarios? Son os que promocionan a cadea de supermercados Gadis.
A última, Sairemos como galegos, ten como punto de partida a crise, focalizada esta desde unha perspectiva infantil. Se visionades o vídeo, percibiredes unha mensaxe de optimismo, de esperanza, de loita, de orgullo…pero preguntámonos se convén o emprego reiterado de clixés, como a gaita, a retranca…
Axuda isto a forxar identidades ou a perpetuar tópicos?
É máis…
Que sentido teñen todas estes campañas se non van acompañadas dunha aposta cotiá pola lingua galega en cada un dos seus establecementos? Comprobádeo ao visitardes algún deles. U-la rotulación en galego?
Preténdese logo transmitir que a marca Galicia serve para anunciar, pero non para vivir?
Todo isto non semella máis que unha fachada de cartón-pedra, sen ningún compromiso lingüístico real.
Que opinades?

UN TIRÓN DE ORELLAS

Posted on Novembro 13th, 2012 in Novas by ENDL

As conclusión recollidas no terceiro informe de avaliación do cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM) son que, as medidas adoptadas polo goberno autonómico galego desde 2009, contradín os acordos asinados no ano 1992 en Estrasburgo na citada carta.
O Comité de Expertos que visitou Galicia constata, no informe enviado ao Consello de Ministros do Consello de Europa, o desequilibrio lingüístico no ámbito educativo, derivado da aplicación do Decreto de Plurilingüismo vixente. Instan á toma de medidas para resolver esta situación, así como a necesidade de ofertar a educación no idioma autóctono para aquelas familias que o demanden, sobre todo, na etapa de 3 a 6 anos.
Ademais, critican a eliminación das galescolas (agora Galiña Azul); a desaparición da maioría da prensa escrita en galego; a redución do uso da lingua propia nas mensaxes institucionais, a falta de datos sobre a formación lingüística do funcionariado e outras medidas que non favorecen a biodiversidade idiomática.
E para entendermos o importante que é coidar unha lingua, escoitade a Patricia Ryan, profesora de Inglés. Soamente son dez minutiños, e paga a pena.

OLLOS DE AULA, Nº 2

Posted on Novembro 10th, 2012 in Ollos de aula by ENDL

 

Xa está aquí o número 2 da revista Ollos de aula.
Se a queredes consultar, atoparedes nas súas oito páxinas temas como os que seguen:

  • Eleccións ao Consello Escolar.
  • Lois Ferradás (Decano da Facultade de Ciencias da Educación da USC) contesta para que poden servir as reválidas.
  • Cando se deben entrevistar as familias co profesorado?
  • Cadencias para oír, ler e pasear con Gracia Santorum, e algunhas cousiñas máis…

Non deixedes de botarlle unha ollada clicando no seguinte enlace: Revista en pdf

VIDEOCONFERENCIA DO DÍA DA CIENCIA EN GALEGO

Posted on Novembro 8th, 2012 in Galego e Ciencia by ENDL

O pasado martes 6 de novembro os alumnos de 1º de bacharelato A e B asistimos a unha videoconferencia en celebración do Día da Ciencia e a Tecnoloxía en Galego 2012.

O nome da videoconferencia foi “Facendo Física de Partículas polo mundo” e os físicos que nola deron foron:

* Patricia Conde. Investigadora no LIP de Lisboa. Física do experimento ATLAS do CERN.

* Olalla Castro. Profesora no City University en Londres. Investiga en Teoría Cuántica de Campos.

* Abraham Gallas. Investigador no CERN e na USC. Físico do experimento LHCb do CERN.

* Carlos Salgado. Investigador no CERN e na USC. Investiga o estado da materia nos primeiros instantes do Universo.

* Cibrán Santamarina. Profesor da USC. Traballa no experimento LHC do CERN.

Na videoconferencia, que durou unha hora (de 12:30 a 13:30), participamos sobre uns 90 centros de toda Galicia, e estaban incluídos varios de Vilagarcía de Arousa.

Primeiro presentáronse e resumíronnos a súa traxectoria académica e laboral, dicíndonos ao que se dedican actualmente. Foi un orgullo para nós saber que dous galegos, Patricia e Cibrán, participaron no descubrimento do Bosón de Higgs xa que forman parte do equipo de físicos que levan a cabo esta investigación e que pertence ao CERN.

Pareceunos interesante saber sobre isto e ademais ao rematar as explicacións permitiron facerlles preguntas tanto sobre física como da vida persoal. A videoconferencia seguiuse en twitter cos hastag #cienciaetecnoloxiaengalego e #CERNgalego a través dos cales atenderon a máis das nosas preguntas xa rematada a videoconferencia.

Cremos que é unha actividade que se debería realizar todos os anos, xa que ademais de descubrirnos cousas novas sobre a ciencia, anímannos a estudar en Galicia e en galego coa posibilidade de chegar tan lonxe coma eles.

Aquí deixamos un vídeo sobre que é o Bosón de Higgs:

Animámosvos a que comentedes o que queirades sobre a videoconferencia e a que compartades a vosa opinión.

Óscar Ríos e Belén Suárez, 1º bach A

DIA DA CIENCIA EN GALEGO 2012

Posted on Novembro 5th, 2012 in Galego e Ciencia,Sen clasificar by ENDL

Mañá, martes 6 de novembro, realizaremos dúas actividades para conmemorar o III DIA DA CIENCIA EN GALEGO:
1. O alumnado de 1º de Bacharelato A e B participará nunha videoconferencia organizada pola coordinadora de equipos de normalización e dinamización lingüística. Esta actividade terá lugar entre as 12,30 e as 13,30 nas aulas de 1º de Bacharelato A e a aula de Tecnoloxía do edificio de Bacharelato.
Máis información en http://www.coordinadoraendl.org/entrada.php?paxina=cienciaengalego/2012/videoconferencias.php

2. Paralelamente, o profesorado de Matemáticas de 3º da ESO A e B vai realizar un xogo de operacións con números reais no patio do noso centro educativo.

Esperemos que disfrutedes da Ciencia en galego!

HOXE RECOMENDAMOS…

Posted on Novembro 1st, 2012 in Hoxe recomendamos... by ENDL

Acabamos de visionar este vídeo, Tempo de Samaín, e o primeiro que debemos facer é dar os nosos parabéns ao Obradoiro de Plástica do IES As Barxas de Moaña.
Grazas por celebrar estas datas cun magnífico traballo convertido nunha auténtica exquisitez, tanto polo seu lirismo como pola súa plasticidade, a súa música e todo aquilo que o conforma…
Toda unha alfaia, de pouco máis de dous minutos, que hoxe recomendamos para que gocedes dela.