Feed

CELSO EMILIO FERREIRO I

Posted on Xaneiro 31st, 2013 in Homenaxes by ENDL

Presentámosvos este traballo realizado por Noa Robatto (3º Eso) e Tamara Fernández (4º Eso), homenaxeando un fermoso poema de amor de Celso Emilio titulado “Eu en ti” (incluído no seu poemario O soño sulagado).
Parabéns pola delicadeza que emana do voso traballo!
Clicade na imaxe!

DÍA DA PAZ

Posted on Xaneiro 30th, 2013 in Celebracións by ENDL

A paz é…
Alumnas e alumnos de 4º Eso B din que:
…é un sinónimo de madurez e a guerra un sinal de incomprensión profunda (Christian Gabriel Fdez Meléndez).
…unha utopía pola que loitar (Joan Mauricio Pérez Rivera).
…é a acción de ser pacífico, é o sentimento de non estar en guerra contigo mesmo (David Bueno Laya).
…liberdade (Inés Torres Eirabella).
…aquilo que quitei (Daniel Pérez Andrade).
…un sorriso (Vera Torres).
…como o vo dunha bolboreta, sempre arredor ata que desaparece (Sergio Fontán Abad).
…algo que existe, pero só nós podemos facer que funcione (Erea Grande Vila).
Grazas a Carmen Ozores Gago por lembrarnos a frase de Ghandi “Non hai camiño para a paz, a paz é o camiño”.
Grazas ao blog Pinzelladas al món por estas imaxes.

EN VOZ ALTA

Posted on Xaneiro 27th, 2013 in Opinión by ENDL

Hoxe inauguramos unha nova sección que chamaremos En voz alta. Con ela queremos abrir unha ventá a toda a comunidade educativa para que poida opinar e reflexionar sobre calquera tema así, en voz alta.
Animádevos e enviade os vosos escritos a ENDLcastroalobre@gmail.com
E botamos a andar cun artigo de Cristina García Losada, de 4º Eso A, sobre os partidos de esquerdas e de dereitas. Son ou non son o mesmo?. Ela aporta argumentos a favor e en contra.
Que opinades?
GRAZAS, CRISTINA
Os partidos de esquerdas e dereitas, non foron, non son e non serán nunca o mesmo porque a dereita é moito máis conservadora; fundaméntase moito na relixión e é fomentadora da distición entre clases sociais. Mentres que a esquerda, pola contra, está máis a favor da distribución da riqueza, da solidaridade, da igualdade social e, sobre todo, dende o meu punto de vista, é moito máis avanzada en canto á liberdade e progreso moral que a dereita; isto pode ser en parte a que é unha alternativa laica que non está dominada por ningunha relixión.
Outra razón, tamén relacionada cos seus ideais, son os medios que utilizan para acadar a súa fin,para defender a súa opinión. Mentres que a esquerda fomenta a manifestación, o pensamento libre, o diálogo aberto e sen censura, a dereita quizais sexa máis prudente niso, máis calada; e, ás veces, ese silencio pode desembocar en máis radicalismo, máis desigualdade, e, sobre todo, moita menos liberdade.
A diferenza é clara e resúmese en poucas palabras, dous ideais, dúas filosofías de vida.
Pero tamén podemos pensar que os partidos de esquerdas e dereitas, sempre acaban sendo o mesmo. Por que?
En primeiro lugar, aínda que superficialmente nos poida parecer que defenden ideoloxías diferentes, ó fin e o cabo sempre acaban sendo case unha copia.
Ambos queren chegar ao goberno, escudándose no principal motivo de querer o ben común para todos a cidadanía e para o territorio que gobernen en xeral. Ambos menten, prometendo cousas que non van cumprir e intentan derrocar ao seu contrario dunha forma moi pouco democrática,sempre criticando e nunca colaborando. E, cando por fin acadan o posto que desexaban responden con políticas exactamente iguais ou peores que as do goberno anterior. Así,todo volve a entrar no mesmo círculo, o un que crítica ó outro, o outro que recunca no poder e volver ser criticado, en resumo, o peixe que morde a cola.
Outra razón pola que me parecen idénticos, é pola ansia de permanecer no poder indefinidamente, ata que o mundo remate. Porque os dous, teñan as ideas que teñan, sempre queren estar aí, no poder, sen deixar paso a rostros e a correntes novas, sempre a mesma a historia coa mesma fin, a ambición ante todo, a ansia de ter e abranguer o máis posible.
E, finalmente, tanto queren ter, que esquecen ofrecer a quen máis o necesita, á opinión que máis importa, ao pobo.

O APÓSTOLO

Posted on Xaneiro 23rd, 2013 in Sabías que... by ENDL

A primeira película en Europa realizada en animación stop-motion estereoscópica é galega. Chámase O Apóstolo e acaba de ser nominada ao Goya como mellor filme de animación, xunto con Tadeo Jones, El corazón del roble e The wish fish.
Conta no seu haber con distincións como o 1º Premio á mellor longametraxe no 11ª Festival de Marsella ou o 1ª Premio no Festival EXPOTOONs de Bos Aires, o certame de animación máis importante de Sudamérica.
Dirixida por Fernando Cortizo, narra unha historia de misterio ambientada no Camiño de Santiago coa lenda da Santa Compaña. Algúns dos actores e actrices que prestan os seus físicos e as súas voces aos distintos personaxes son Carlos Blanco, Luis Tosar, Celso Bugallo, Isabel Blanco, Geraldine Chaplin ou Jorge Sanz.
Queredes saber algúns dos segredos da rodaxe deste tipo de películas? Pois non deixedes de ver o vídeo.
Oxalá o 17 de febreiro o equipo poida traer tamén o Goya para Galicia.
Sorte!

A COCIÑA DO MEU AVÓ

Posted on Xaneiro 20th, 2013 in Xente interesante by ENDL

Vimos de coñecer (grazas, Mª Xosé) a existencia dun blog moi gorentoso chamado A cociña do meu avó.
Rocío Garrido Caramés é a súa creadora e autora do libro Cociñando coas razas autóctonas. Nel inclúe receitas elaboradas con carnes de todas as razas autóctonas galegas en perigo de extinción: ovella galega, cabra galega, galo de Mos, porco celta, etc…
Con esta obra, vén de acadar un dos Premios Gourmand World Cookbook 2012 (galardón que distingue a produción editorial gastronómica) como mellor libro de cociña sostible de España. Este distinción permítelle participar na gran final internacional que se vai celebrar en París no mes de febreiro.

Non deixedes de visitar o blog, clicando no enlace, e cociñar algunhas das súas suculentas propostas (filloas recheas de mousse de arroz con leite, ensalada de peras e xamón ibérico, cestos de mexillóns con wakame…).

Bo proveito!

CELANOVA STYLE (O CAN ONDE ESTÁ?)

Posted on Xaneiro 17th, 2013 in Novas by ENDL

Aquí tedes Celanova Style, a versión galega e celanovesa do Style Gangnam.
Producida por Planomedia & Kao Records, desde está ventá celebramos a iniciativa e felicitamos polo seu resultado.
Cada vez que a vemos, rimos e gustamos máis dela, aínda que non entendemos porque os títulos de crédito non están na mesma lingua utilizada para gravar o vídeo (non será que o galego está ben para facer o chiste, pero no resto non acae).
Ah, non deixedes de ver as tomas falsas do final. Boísimas!

NON VOS RIADES QUE O CONTO É TRISTE

Posted on Xaneiro 15th, 2013 in Novas by ENDL

Tal e como publica a Voz de Galicia no día de hoxe, martes 15 de xaneiro de 2013, na súa edición de Arousa, o director da banda de música de Vilagarcía de Arousa, traduciu unha peza do autor rianxeiro Antón Alcalde ao castelán para que “se entendese mellor”. Semella que o público de Vilagarcía de Arousa non coñece a nosa lingua e non é quen de entender todo o que nela se pode expresar. Acaso, as persoas que acoden aos concertos na nosa vila non estudaron ou estudan a nosa língua nos institutos e nos colexios? Parece mentira…

Titulamos este artigo cunha frase de Castelao que aparece na súa obra Cousas, pareceunos moi apropiada para a ocasión.

Deixámosvos, na viñeta que sae na Voz, un enlace á páxina do diario por se queredes ler máis sobre a noticia.

PEQUENA ZANFONISTA

Posted on Xaneiro 13th, 2013 in Xente interesante by ENDL

Presentámosvos a María López Carballo, naroniana (de Narón, A Coruña) e zanfonista.
Xa vedes, actuando ao lado de Carlos Núñez e con que soltura.
Grazas a Paloma, profesora de Música, por amosarnos esta xoia e recollemos dela as súas palabras para ofrecer o vídeo: “Representa a esperanza do futuro da música e da cultura galegas”. Case nada!

DESVIACIÓN DE CHAMADA

Posted on Xaneiro 10th, 2013 in Novas by ENDL

Cando nas clases de Sociolingüística explicamos que é un prexuízo lingüístico (xuízo previo e erróneo que nos impide ver a realidade idiomática tal e como esta é), dicimos que un dos que está en retroceso é aquel típico de “é de mala educación contestar en galego cando che falan en castelán”.
Logo de escoitar esta intervención dunha ouvinte de Pensando en ti, programa da Radio Galega, vemos que aínda queda moito traballiño que facer neste sentido.
Bravo por Alberto Freire, o seu presentador. Se moitos dos seus colegas tivesen o mesmo convencemento e compromiso, outro galo cantaría.

Esta entrada leva o título dun magnífico conto de Fran Alonso incluído no seu libro Males de cabeza e en Longa Lingua (Os contos da Mesa), onde a situación presentada nos recordou moito á que podedes escoitar no audio que acompaña.

BENVIDO 2013

Posted on Xaneiro 8th, 2013 in Sen clasificar by ENDL

Agora que xa estamos de volta á clase, nada mellor para felicitarvos o ano que mostrarvos o calendario que elaboramos no ENDL do IES CASTRO ALOBRE coa inestimable colaboración do alumnado de 4º, que se esmerou para que nos saíse un calendario tan poetizado. Poderedes ir observándoo, mes a mes, na marxe dereita do noso blog.
A continuación presentámosvos a portada realizada por Cristina García e Alicia Juncal de 4º ESO A.