Feed

E TI QUE SABES?

Posted on Febreiro 24th, 2013 in Concursos e certames by ENDL

O luns, 25 de febreiro de 2013, comeza unha nova edición do concurso E TI QUE SABES? Para participar podes consultar as bases no taboleiro que está no vestíbulo principal do edificio da ESO ou desde aquí.
Esta primeira semana o tema é a MÚSICA. Prestade atención ao vídeo que promociona o festival Cantos na Maré (clikade), xa que, nel podedes atopar as respostas a algunhas preguntas do concurso desta semana.

As preguntas podédelas consultar a continuación:

Animádevos a participar e sorte!

24 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA (III)

Posted on Febreiro 24th, 2013 in Celebracións by ENDL

Para celebrar este día traemos dous vídeos. O primeiro, presentado por Paloma, profesora de Música, e o segundo, Todas con Rosalía, realizado pola AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), onde se recitan versos rosalianos por parte de distintas mulleres: escritoras, vendedoras, mestras, persoal sanitario, estudantes… (percibide a actualidade do que escribiu esta poeta universal no século XIX).

Galiza é rica. Deberíamos repetir isto ata crelo e acabar de sacudirnos esa manta de menosprezo coa que nos cubriron e nos cubren.
E é rica en música. Máis alá de gaitas, zanfonas e anaskiro (con todos os respetos) hai vida.
O primeiro exemplo que se me ocurre é Abe Rábade. Fai jazz, moi bo e así é recoñecido ao longo do mundo. Fai jazz partindo da música galega nun país, o noso, onde nunca se fixera jazz.
Aquí un exemplo: poemas de Rosalía xunto a Guadi Galego e Anxo Angueira.

Disfrutade.

Grazas polas túas palabras, Paloma.

DÍA DE ROSALÍA (II)

Posted on Febreiro 23rd, 2013 in Celebracións by ENDL

Clicando na imaxe tedes información sobre Rosalía de Castro.
Visionando o vídeo, ides botar unhas risas cunha Rosalía autoestopista.

DIA DE ROSALÍA (I)

Posted on Febreiro 22nd, 2013 in Novas by ENDL

O próximo domingo, 24 de febreiro, celébrase o día de Rosalía, por ser esta a súa data de nacemento. Ademais, este ano conmemórase o 150 aniversario de publicación de Cantares Gallegos. De aí, que estes días haxa ducias de actos por todo o país que celebren esta efeméride.
Un deles será en Vilagarcía, onde a Asociación Pesdebarro e o grupo de gaiteiros Os Demos da Petaca organizan unha alborada para Rosalía. Non a perdades,o domingo 24, na Praza de Galicia, ás 12:00 horas.
O busto en cartón-pedra da fotografía, representando a Rosalía de Castro, é da artista Susana Pazos Maside. Podedes apreciar a súa obra na páxina da galería-obradoiro Boullaca (A Estrada). Se clicades na imaxe podedes acceder á súa páxina.

TWITER EN GALEGO

Posted on Febreiro 21st, 2013 in Novas by ENDL

Xa está!. Twiter en galego desde o 20 de febreiro. Lede a noticia de Sermos Galiza clicando na imaxe.

21 DE FEBREIRO, DÍA INTERNACIONAL DA LINGUA MATERNA

Posted on Febreiro 20th, 2013 in Entrevistas,Xente interesante by ENDL

Clicando na imaxe (vía O forxador de versos), podedes ler unha interesantísima entrevista (publicada en Praza Pública), a Itziar Idiázabal, catedrática do Departamento de Lingüística e Estudos Vascos da Universidade do País Vasco (UPV).

HOXE RECOMENDAMOS…RUADA NA MIÑATA

Posted on Febreiro 18th, 2013 in Hoxe recomendamos... by ENDL

Atopamos vía Un país en lata este vídeo rodado en Paradela, Teixeiro, en agosto de 2012, do Projeto Não Lugar. A realización é de Tiago Pereira e a produción de Aitana Eanes, Davide Salvado e MPAGDP. Os cantores son Os Fillos de Pepa A Loba, Iván, Diego e Cristian.Interpretan a Ruada na Miñata (cantar, punteada e maneo).
Unha marabilla!

CRÓNICA AURIENSE

Posted on Febreiro 15th, 2013 in Saídas culturais by ENDL

O 29 de xaneiro pasado, o alumnado de 2º Bacharelato participou nunha actividade que consistía en facer o roteiro de A Esmorga por Ourense, visitar a casa-museo de Otero Pedrayo en Trasalba e, por último, o mosteiro de Oseira. A xornada deu para moito, así que vos ofrecemos algunhas das impresións recollidas e unha selección de fotos da viaxe.
Grazas a todos os alumnos e alumnas polo tempo compartido.

” O mellor de todo foi a viaxe no bus, moitas risas que fixeron que formasemos unha piña. Por outra parte, gustoume ir con Xoán Antón no roteiro, xa que se sabía todas as rúas, casas…de memoria.” (Jorge Argibay)
“O mellor de toda a viaxe foi a casa de Otero Pedrayo. Rimos moito co cabalo e pareceume moi fermoso o lugar” (Brenda Alves)
“O que máis me gustou foron as explicacións de Xoán A. no mosteiro e o roteiro, e coñecer o meu amigo, o filósofo” (José Glez Céspedes)
” Chamoume moito a atención o sistema de seguridade da casa de Otero, a viaxe no bus e as Burgas, nas que me apetecía bañarme” (Alejandro Martínez)
” Gustoume, sobre todo, o mosteiro de Oseira e tomar unha laranxa do xardín de Otero” (Artur Silveiro)
” Pareceume unha gran viaxe, na cal coñecín unha cidade completamente descoñecida para min” (Adrián Sobradelo)
” Gustoume moito o mosteiro de Oseira, vendo o que estudamos en Hª da Arte” (Sophie Núñez)

Se queredes ver máis fotos, clicade no seguinte enlace A ESMORGA

ÁMOTE

Posted on Febreiro 13th, 2013 in Celebracións by ENDL

Unha vez máis, botamos man do magnífico traballo do Audiovisual As Barxas, quen xunto co Departamento de Normalización Lingüística do centro IES As Barxas (Moaña) elaboraron este vídeo, que resulta moi acaído para o día de hoxe. Toda unha declaración de amor. Ben fermosa, por certo, e baseada nunha adaptación do texto ” O que queda é o amor” de Víctor F. Freixanes.
As voces son de Xiana Casás e Lucía Martínez. A música, de Xera.
Parabéns!

ACÉRTALLE NO CORAZÓN

Posted on Febreiro 13th, 2013 in Novas by ENDL

Acabamos de ler unha noticia no Sermos Galiza tan gorentosa que queremos compartila con vós.
Unha iniciativa da repostería Fina Rei, de Allariz (Ourense), e da poeta Yolanda Castaño, consistente en ofrecer, polo día de San Valentín, un presente doce e poético. Frechas de chocolate con versos de amor.
Quen nos dera saborear algunha delas!.
Felicidades por non deixar de sorprendernos.
Clicade na imaxe para ler a noticia completa.