Feed

DE FRIOL AO MOVING

Posted on Maio 26th, 2013 in Celebracións by ENDL

Hai un ano estabamos gravando o noso Castro Alobre Moving e para celebralo, ocórresenos amosar, nunha especie de liña do tempo, os pasos andados no ensino con respecto ao uso e defensa do galego. Queda moito por sachar, pero vendo o primeiro vídeo, recollido do blog Friol: algo máis que pan e queixo, onde se reflicte a vida escolar a finais dos 70, observamos que o noso Moving representa, xunto ao que se leva traballado en todos os centros de ensino galegos desde os seus ENDL, un avance abraiante e esperanzador.
Grazas a Olga por darnos a coñecer esta reportaxe e recordos agarimosos a Ana Ledo, “nai” do noso vídeo.Grazas unha vez máis a tod@s os que colaboraron nel.


ROBERTIÑA

Posted on Maio 18th, 2013 in Letras Galegas by ENDL

Estupenda a imaxe creada pola Fundación Rosalía para celebrar os 150 anos da publicación de Cantares Gallegos e, ao tempo, facer unha chisca de ollos a Vidal Bolaño. Aínda que non o pareza, estes dous persoeiros tiñan máis semellanzas que diferenzas.

Vía Bretemas

17 DE MAIO, DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Posted on Maio 17th, 2013 in Letras Galegas by ENDL

Roberto Vidal Bolaño, un rebelde con causa, ao que hoxe se lle adica este día. O noso agradecemento polo seu traballo inmenso a prol do teatro e a cultura galega. Pedimos ademais que a xornada de hoxe se alongue no tempo e a súa obra se vexa o suficientemente recoñecida e valorada.
Para achegarse á súa figura, imprescindible este telexornal feito no CPI dos Dices, de Rois. Noraboa un ano máis polo voso bo facer!

ROBERTO VIDAL BOLAÑO

Posted on Maio 16th, 2013 in Letras Galegas by ENDL

HOXE RECOMEDAMOS…MARÍA LADO E LUCÍA ALDAO

Posted on Maio 12th, 2013 in Hoxe recomendamos... by ENDL

Hoxe temos a oportunidade de escoitar unha nova versión do poema de Celso Emilio, Deitado fronte ao mar. Corre a cargo de María Lado e Lucía Aldao, dúas magníficas poetas que percorren Galicia cos seus espectáculos A hostia en verso e Onde estea un cubata que se quite un soneto.
Visionade o vídeo!
Vía Enredando versos

CRIATURAS EN VILAGARCÍA

Posted on Maio 7th, 2013 in Novas by ENDL

Dentro da xira que está realizando por toda Galicia, Teatro do Aquí representa Criaturas, de Roberto Vidal Bolaño, no Auditorio Municipal de Vilagarcía. A cita é este venres, 10 de maio, ás 21:00 horas. As entradas podedes conseguilas no servizo on-line de Servinova ou no propio auditorio, desde dúas horas antes do inicio da representación.
Dirixida por Evaristo Calvo e protagonizada por Belén Constenla, Marcos ORsi, Vicente de Souza e Xoán Carlos Mejuto, esta obra gañou os premios teatrais María Casares e Max.
Non a perdades!.

OLLOS DE AULA, Nº 7

Posted on Maio 6th, 2013 in Ollos de aula by ENDL

    DO DÍA ESE DAS LETRAS GALEGAS

    Posted on Maio 1st, 2013 in Opinión by ENDL

    A escasos días do 17 de maio, traemos este artigo de Xesús Constela, publicado en Sermos Galiza. Concordamos plenamente con el. Hai que celebrar, por suposto, pero doutro xeito.

    Vaia por diante que non me gusta que se celebre un Día das Letras Galegas, e moito menos que a xornada sexa festiva. Non me gusta nada.
    Non me gusta que os xornais que ao longo do ano levan todo o seu contido en castelán ese día publiquen as portadas en galego coma unha concesión á cultura de nós. Paréceme unha tomadura de pelo!
    Non me gusta que se conmemore a morte de alguén falecido como mínimo dez anos antes porque odio esa cultura funeraria. E ódioa porque son partidario das homenaxes para as persoas vivas, especialmente para todas esas persoas que con vida tecen nas mans poemas, novelas, obras de teatro, ensaios tamén abraiantemente cheos de vida.
    Como pode ser que neste país de nós non exista un gran premio nacional de literatura para todas esas persoas que consagran a vida enteira a nos facer gozar do seu traballo de calidade inmensa? E non falo dun recoñecemento honorífico (que está moi ben) senón dun galardón dotado cunha boa cantidade de cartos que sirvan para expresar o agradecemento do pobo todo ao labor de poetas, narradores, ensaístas, dramaturgos, literatos en fin, que con enorme dignidade van deixar a súa pegada na nosa historia común?
    Non me gusta o Día das Letras Galegas. Nin o nome me gusta.
    E aínda me gusta menos que se declare festivo porque iso supón que para a meirande parte da poboación acabe convertida nun día de sol e praia.
    Sinto unha tremenda envexa desas rúas da cidade de Barcelona ateigadas de xente a comprar libros o vinte e tres de abril na Diada de Sant Jordi (O ano pasado arredor de millón e medio de exemplares!). E sinto unha envexa que é directamente proporcional á mágoa que me dá ver as librarías de nós todas pechadas nese maldito Día das Letras Galegas festivo!
    Nada. Non me gusta nada!