Feed

ÉRACHE BOA!

Posted on Setembro 30th, 2013 in Opinión by ENDL

Isto era o que nos faltaba!. O baleiro e a apropiación que fan algunhas editoriais casteláns da nosa lírica galego-portuguesa.
Sobre isto, lede o artigo que Valentina Formoso, docente e voceira da Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística publicou en Voces de Prolingua. Paga a pena!

Digades filla
Por Valentina Formoso

Dime, hija, hija mía lozana…

No remate dun verán máis no que nais e pais falaron do moito tempo sen escola que teñen os rapaces e rapazas, do número de cadernos que fixeron para repasar (obviamente de “lengua” (castelá), de inglés e de matemáticas, quedando a nosa lingua maioritariamente excluída tamén dos deberes de verán), xa toca empezar co tema do novo curso académico e dos libros de texto.

Nas vésperas de comezar o novo curso, un máis a sumar no proceso de desgaleguización do que vimos dando conta nestas Voces, non pensen, lectores e lectoras, que o tema deste artigo vai versar sobre os libros que a sociedade do futuro ten que engulir en inglés para aprender algo sobre o toxo -cada vez máis queimado- dos nosos montes. Este plurilingüismo, mal entendido e mal enfocado, xa claramente plasmado noutra “voz” por Mercedes Queixas, véndeselle ás familias como a panacea dunha modernidade que, na realidade, encobre o desleixo pola lingua propia de Galicia e pola súa promoción e normalización. Disto, máis ou menos, xa estamos ao tanto. Pero escápansenos detalles que, se cadra, por non viren orquestrados en Decretos, non lle damos a importancia que teñen, pero que -non fondo- teñen a intención de reducir a nosa cultura, non só ao tamaño bonsai, senón ao de gañota, despois de cortala polo pé.

Volvamos aos libros de texto. Nun deles, o de Lingua castelá e literatura de 2º ESO da editorial SM, hai un bo exemplo destes intentos. Na páxina 128 (unidade 6) fálase do xénero lírico e os e as discentes que traballan con este material, teñen unha mostra de como se tratou o amor na poesía nas diferentes épocas da literatura (castelá). O primeiro texto, pertencente á Idade Media, está tirado, segundo reza no pé, dunha “Antología de la poesía medieval” da editorial Ágora. E de que poema da “poesía medieval española” pensades que se trata? Pois un que empeza: “Dime, hija, hija mía lozana…”, que vén sendo a tradución da famosa cantiga de amigo escrita en galego-portugués (dato que non se cita en ningures, por suposto):

Digades filla, mia filla belida

por que tardastes na fontana fría

Os amores hei…

Mais o que o alumnado pode ver e ler é:

Dime, hija, hija mía lozana

por que tardaste en la fría fuente?

Amores tengo

-Tardé madre en la fuente fría

porque los ciervos del monte el agua revolvían

Amores tengo

Tardé madre mía en la fría fuente

porque los ciervos del monte revolvía el agua

Amores tengo

-Mientes, hija mía, mientes por tu amigo

Nunca viu un ciervo que revolviese el río

Amores tengo

Ademais de presentaren estes versos sen ritmo nin rima, os mesmo que montaron o escándalo pola cita do artigo 5.1 do noso Estatuto … argumentarán que este é un libro dunha editorial estatal que tanto se vende en Murcia, en Salamanca ou na Coruña e que teñen que “entendelo”… O que non escoitei aínda foi a explicación que lle dan a que aínda neste curso que pasou se lles ensinase aos estudantes de secundaria que as cantigas galego-portuguesas e as jarchas formaban parte da literatura castelá medieval,…. E que o peor deste intento de usurpación da nosa brillante lírica medieval non é que nun libro apareza unha cantiga traducida, senón que o profesorado de castelán en Galicia explique, ratifique e reafirme tal cantiga “medieval castellana” diante do alumnado… A este paso aínda teremos que escoitar que a que aparece no libro de “gallego” é tradución, ou unha copia, da de castelán…

Ao lado dunha política lingüística autonómica que está triunfando no intento de arrincar o galego desde as escolas infantís ata o bacharelato, hai outras políticas máis “sibilinas” pero que cumpren a mesma función des-normalizadora para a cultura galega en xeral e para a lingua en particular. A intención é arrasar, pero con menos fume ca o que botan os montes, de aí que cause menos estupor social, mais mostra o nulo interese polo patrimonio propio: histórico, cultural, lingüístico e ecolóxico.

    FOLK E FESTA: BANDA BAILE ASALTO

    Posted on Setembro 27th, 2013 in Xente interesante by ENDL

    Mil grazas a Paloma polo envío deste vídeo. Todo un descubrimento e en palabras do locutor radiofónico que os presenta, “os xenros que a toda sogra lle gustaría ter”. Dende Pontevedra, un novo grupo facendo festa coa música de sempre.
    Aquí os tedes:

    O GALEGO VENDE

    Posted on Setembro 26th, 2013 in Sabías que... by ENDL

    Alberto Pena, da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación da Universidade de Vigo, vén de publicar un estudo, Galicia vende, onde analiza os efectos do uso do galego por parte das marcas comerciais. Unha das conclusións é que a utilización da lingua propia fai máis competitivo o produto a nivel internacional, xa que se percibe como auténtico e diferente.Non perdades a entrevista no seguinte enlace de Praza Pública.




      HOXE RECOMENDAMOS…ROGER DE FLO

      Posted on Setembro 20th, 2013 in Hoxe recomendamos... by ENDL

      Grazas a Armando Requeixo e ao su blog Criticalia coñecemos este artista galego que vén de presentar o seu disco Roger de Flor presenta a: Os Silvestres. A ver que vos parece!

          <

      OINK!

      Posted on Setembro 16th, 2013 in Sabías que... by ENDL

      Ola a tod@s!. Despois deste parón vacacional, voltamos con máis folgos e ilusións, e nada mellor que comezar co anuncio dunha nova publicación en galego, OINK, a revista do Xabarín, ese porco bravo que tan ben coñecemos.
      Poderedes atopala cada mes nos quiosques e custa só tres euriños. Para máis información, consultade o seguinte enlace Sermos Galiza

      VOLTAMOS!

      Posted on Setembro 14th, 2013 in Sabías que... by ENDL

      A partir do 16 de setembro!
      Mil grazas por seguirdes aí.