Feed

ATA O ANO!

Posted on Decembro 19th, 2013 in Celebracións by ENDL

Desde o ENDL do IES Castro Alobre dous desexos: mil primaveras máis para a lingua e que o 2014 vos traia todo aquilo que merecedes.
A tarxeta de felicitación deste ano resultou gañadora no concurso matemático do ano 2011-12. A súa autora é Elena Delamano e leva por título Integral Indefinida.

HOXE RECOMENDAMOS…A CADA CANTO

Posted on Decembro 18th, 2013 in Hoxe recomendamos... by ENDL

Vía Trafegando ronseis

Por máis que escoitamos esta canción, non deixa de emocionar. Que fermosura!.
Son A Cada Canto, un grupo de folk formado por Guadi Galego, Guillerme Fernández, Xavier Díaz e Xosé Luis Romero. Teñen un disco que comeza con esta canción, Teu nome por mar e terra.
Quedade con isto:  Se o teu nome naufragase/ían saber a vainilla/as augas dos sete mares

Imaxinades mellor gabanza!

Clicade no vídeo, pechade os ollos e gozade!

ANDANDO PAÍS (V)

Posted on Decembro 17th, 2013 in Andando país by ENDL

Grazas sempre a María Feito Sanjuán, de 4º Eso A, por estas imaxes de Caión, Portonovo, Carril e a praia da Concha en Vilagarcía.

AGASALLO.EU

Posted on Decembro 16th, 2013 in Sabías que... by ENDL

Agora que chegan as vacacións, sempre aproveitamos para facerlle un agarimo a alguén. Dámosvos a opción de compralo a través de Agasallo.eu, proxecto presentado no Culturgal 2013. É unha plataforma en rede, que naceu grazas á CTNL (Coordinadora de Traballador@s pola Normalización Lingüística) e reúne agasallos en galego que van desde libros, discos, artesanía ou tecnoloxía ata os produtos téxtiles e alimentarios.
Botádelle un ollo a ver que vos parece!

DÍA DA CIENCIA EN GALEGO

Posted on Decembro 15th, 2013 in Galego e Ciencia by ENDL

O 12 de novembro, a CGENDL volveu organizar o Día da Ciencia en Galego, coa participación de máis de 80 centros de toda Galicia, entre eles o IES Castro Alobre. O alumnado de 1º Eso D/E tivo a oportunidade de escoitar a Marilar Aleixandre, falando dos seus Benqueridos insectos e os mozos e mozas de 2º BAC D, de seguro aprenderon cousas con Jorge Mira Pérez sobre Como medir tamaños e distancias da Terra, a Lúa e o Sol.

Aquí quedan as conferencias enteiras para os que non tiveron oportunidade de escoitalas.

MEU O MUNDO É!

Posted on Decembro 13th, 2013 in Xente interesante by ENDL

Paco Nogueiras Nodar ten unha morea de vídeos orixinais, que podedes ver na súa canle de You Tube.

Gozade e bailade con este. E non esquezades a mensaxe!

Boa fin de semana!

RECEITAS PARA TODOS OS DÍAS

Posted on Decembro 11th, 2013 in Sabías que... by ENDL

Grazas ao blog A profa, descubrimos esta páxina de Receitas para todos os días,de Raquel Vergara, onde atopamos ducias de xeitos riquisímos para gozar da gastronomía. E ademais, todos sen glute e doados de cociñar.

NEOFALANTES

Posted on Decembro 10th, 2013 in Sociolingüística by ENDL

Cantas veces temos escoitado nas nosas aulas iso de  “No lo hablo por costumbre; me siento rar@ si lo hago; lo hablo, pero si viene alguien con el castellano, ya me cambio…” Ben, tantas veces como o escoitamos, tantas veces repetimos o mesmo: o cambio non é doado, pero tampouco  imposible. Só cómpre VONTADE. Lede este artigo publicado en Prolingua e escoitade a unha neofalante como Belén Regueira. Seguro que vos axuda a convencervos.

E se cambias ao galego?
Onde vivo apenas hai xente que fale galego; se me poño a falalo, non sei como será a reacción de familiares e amizades. Non me sentirei algo raro?

Á hora de adoptares o galego como lingua de uso cotián e prioritario, un dos aspectos a ter máis en conta é a espontaneidade: exprésate con sinxeleza e comodidade, non te preocupes máis do necesario polas estruturas. Ninguén nace aprendido, todo chegará.
É importante que busques ámbitos nos que usar o galego e que aproveites todas as oportunidades de facelo. Nas distintas cidades galegas hai moitos barrios nos que se utiliza pouco a lingua propia de Galicia, pero debes lembrar que esta lingua che permitirá acceder a novos espazos de relación, na túa contorna inmediata e fóra dela. Aproveita os momentos de transición, como o paso do colexio á universidade, un cambio de traballo ou facer algún curso ou unha nova actividade.
Se a túa familia ve a túa adopción do galego como un proceso espontáneo e relaxado que non te angustia nin che causa grandes problemas, é moi probable que reaccione ben, que te anime e valore o teu esforzo. Si, poida que mesmo te traten con certa non disimulada admiración. É probable que parte das túas amizades se sorprendan da túa decisión, pero entenderán co tempo que se trata dun proceso persoal e sen dúbida enriquecedor. Adoptar o galego non te converte nun becho raro; ao contrario: fai que desaparezan etiquetas e dáche novas oportunidades.
Iso si, lembra sempre que, en última instancia, ti es o protagonista do teu proceso de adopción do galego. Trátase da túa vida, das túas opcións, do teu futuro. A adopción do galego é un signo de autonomía persoal. O que pensen a túa familia e amigos é importante, pero quen decide sobre a túa vida es ti.
Vive en galego, faino por ti.

OLLOS DE AULA, Nº 11

Posted on Decembro 8th, 2013 in Ollos de aula by ENDL

HOXE RECOMENDAMOS…AID

Posted on Decembro 5th, 2013 in Hoxe recomendamos... by ENDL

Hoxe recomendamos a Aid, compositora e cantante de música urbana. Traemos dous vídeos, o primeiro pertence a unha campaña da TVG promocionando os servizos públicos (aínda que os sigan desmantelando) e o segundo é unha versión de A xustiza pola man, texto rosaliano integrado no disco-libro Rapoemas, publicado en Galaxia.
Boa fin de semana!