Feed

ENTROIDO 2014

Posted on Febreiro 28th, 2014 in Celebracións by ENDL

UN VERSO, UN PENSAMENTO (II)

Posted on Febreiro 26th, 2014 in Celebracións by ENDL

Un mar de pensamentos. 555 exactamente. Versos de Rosalía que pasearon polas rúas vilagarciás, enchéndoas de cor e música.

GRAZAS! Mil grazas por facer vosa a poeta de tod@s.

24 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA

Posted on Febreiro 24th, 2014 in Celebracións by ENDL

Manifesto da AELG no Día de Rosalía 2014:

Hoxe e sempre, Rosalía de Castro representa a fenda, a nosa fenda. Unha ferida aberta na conciencia colectiva, un talento literario irredutíbel a fórmulas caducas e tópicos amables. Unha voz que escribe para ser libre e consciente, aínda que manque e rabuñe, pois non quere ser flor. Solitaria e solidaria. Muller e galega nun mundo gobernado por raposos que non ocultan o rostro da barbarie, o fanatismo reaccionario.
Rosalía de Castro: aquela que nos deixa en herdo un feixe de versos como toxos e silvas, xurdidos dunha gándara onde inzan a angustia e a carraxe. Porque ninguén coma ela soubo expresar os enigmas da condición humana, as dúbidas existenciais que nos acosan, as contradicións da alma, a saudade e a soidade. O río da vida que pasa e flúe polas brañas de Laíño, co seu maino rebulir, camiño das torres do Oeste.
E, ao mesmo tempo, sen renunciar á expresión do íntimo, Rosalía emerxe como a intérprete máis veraz dos nosos dramas colectivos en canto nación e pobo; mais a súa literatura non se converte nunca nun panfleto de carácter burocrático. Moi pola contra: é un documento humano escrito con sangue, desde as entrañas, como un espello no que a voz da poeta captura todo aquilo que é digno de ser cantado. E esa dignidade comeza pola restauración do uso escrito da lingua galega, convertida en símbolo de rebeldía.
Desde ese compromiso, padecemos a través dela os dramas dun pobo que sofre, mais que nunca atopou unha pluma que o defendese. E ela, literata consciente, converte a súa obra nunha casa de acollida para todas aquelas mulleres invisibles que padecen maltrato e desprezo; e cede a palabra a todas esas viúvas que tecen soidades, a todas as labregas que loitan e non se renden, ás mozas que aman e ás que odian, ás que van alegres de romaría e ás que collen con rabia a fouciña.
Non reduzamos esta homenaxe a un canto fúnebre; pois Rosalía de Castro non debe ser nunca unha escusa para a solemnidade académica arredor dun cadaleito; ela debe ser sempre outra cousa, unha forza rabuda que move os marcos da literatura para levarnos máis lonxe de nós mesmos. Alguén que, se vivise neste século XXI, seguiría a denunciar a todos aqueles que, baixo a máscara da honradez, pretenden converter a lei en atadura, o corpo en cárcere, a liberdade en servidume.
E por iso Rosalía de Castro segue a convocarnos, a emocionarnos, a transformarnos por dentro.
E non esixe ritos de adoración. Simplemente, unha lectura plural e sen ataduras.
E por iso, desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, querémola viva os trescentos sesenta e cinco días do ano.
Querémola pola rúa e nas escolas, nos barrios e nos arrabaldes, nas aldeas e nas prazas, nas fachadas brancas dos edificios.
Queremos que os seus versos nos invadan, fender con eles o silencio administrativo dos poderosos. A súa teimuda indiferenza.
Para que a súa voz ilumine o noso futuro, alta e clara como murmurio e como alento.
Ceiba coma sempre.
Nosa e de toda a cidadanía consciente de si mesma.

21 DE FEBREIRO, DÍA DA LINGUA MATERNA

Posted on Febreiro 21st, 2014 in Celebracións by ENDL

No IES Pintor Colmeiro (Silleda) e no IES Chano Piñeiro (Forcarei) fixeron un tríptico con ocasión deste día. Esta é a información que contén. Grazas por compartilo!

Vía Carta xeométrica.

O Día da Lingua Materna
Todos temos a idea de que a lingua materna é a das primeiras palabras ou a da expresión do pensamento. Pero nunha situación como a nosa, na que hai varias linguas en contacto o concepto lingua materna pode levar a confusión. Moitas veces úsase interesadamente como sinónimo da lingua de cada individuo en particular, no canto de facer referencia a un fenómeno da comunidade. Teñamos en conta que as linguas son construcións sociais.
O Día da Lingua Materna foi proclamado pola Conferencia Xeral da Unesco e celébrase o 21 de febreiro desde o ano 2000. Cando falamos de lingua materna, segundo a Unesco, estámonos a referir a unha lingua minorizada, normalmente con dificultades para a súa implantación social, e con desventaxas respecto doutra lingua estatal. En Galicia, sería o galego a única lingua que podería cualificarse como lingua materna.

Cada ano, a Unesco fai unha declaración co fin de poñer o foco nos problemas que padecen moitas linguas e promover a aplicación de políticas e estratexias que favorezan a diversidade lingüística. Así, cada 21 de febreiro chéganos unha mensaxe de Irina Bokova, Directora Xeral da Unesco, destacando en cada edición unha cuestión na que incidir na protección e o fomento das linguas maternas ou linguas con risco de exclusión. Na edición deste ano, o tema a tratar é o das “linguas locais para a cidadanía mundial: a ciencia en primeiro plano”. Velaquí un extracto da declaración asinada por Irina Bokova:

Contrariamente á crenza común, as linguas locais son totalmente capaces de transmitir as materias científicas máis modernas, as matemáticas, a física e a tecnoloxía. Recoñecer esas linguas supón tamén abrir a porta a múltiples saberes tradicionais científicos, a miúdo ignorados e enriquecer os nosos coñecementos.As linguas locais constitúen a maior parte das linguas que se falan no noso planeta no ámbito científico. Son tamén as máis ameazadas. Coa exclusión das linguas, os seus falantes vense privados do seu dereito humano fundamental ao coñecemento científico.

      E desde aquí unha reflexión: lingua materna ou lingua familiar?

UN VERSO, UN PENSAMENTO (I)

Posted on Febreiro 20th, 2014 in Celebracións by ENDL

Para celebrar o Día de Rosalía, desde o ENDL e o Departamento de Lingua e Literatura Galegas convidámosvos a agasallar cun verso e un pensamento. Por que un pensamento? Porque era a flor favorita de Rosalía.

Como podedes conseguilo? Falando con calquera profesora e profesor do Departamento mencionado.A data límite é o venres, 21 de febreiro.

Xa levamos máis de 100 encargas.

Non quererás ser o últim@?

O INSTANTE ETERNO

Posted on Febreiro 19th, 2014 in Celebracións by ENDL

Hoxe, 19 de febreiro de 2014, celébrase o centenario do nacemento de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado nas Letras Galegas deste ano. Nacido en Vilares, Guitiriz, deixou unha obra publicada, Nimbos, e unha morea de textos espallados por aquí e acolá.Estes dan fe dun autor cunha grandísima profundidade poética e do que aínda queda moito por aprender.
Traémosvos este pequeno adianto dun documental sobre a súa vida e obra.

TODAS CON ROSALÍA

Posted on Febreiro 18th, 2014 in Celebracións by ENDL

Desde a AELG (Asociación de Escritor@s en Lingua Galega) chéganos a segunda parte de Todas con Rosalía, celebrando xa o próximo 24 de febreiro, día rosaliano por excelencia.

O QUE MELLOR TEMOS PARA QUEN MÁIS QUEREMOS

Posted on Febreiro 16th, 2014 in Música by ENDL

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Carballo organizou no 2013 un Obradoiro de Nanas, e como agasallo, hoxe deixámosvos este A bicos, do disco Arrolos de Salitre, de Xabier Díaz e Guillerme Fernández, na voz de Fani Otero.

AGORA

Posted on Febreiro 15th, 2014 in Poetízate by ENDL

Grazas a Carmen Corrales por este vídeopoema, baseado nun texto de Xoán Abeleira, titulado Agora e incluído no poemario As nosas sombras no xardín de Serralves.

O AMOR NA POESÍA GALEGA

Posted on Febreiro 13th, 2014 in Celebracións by ENDL

Desde o IES Isaac Díaz Pardo, O amor na poesía galega, un traballo realizado polo seu alumnado no que amosan unha espléndida selección de textos poéticos sobre ese sentimento que tanto xogo deu, dá e dará a todas as literaturas.