Feed

OS DOUS FRIKIS

Posted on Maio 14th, 2017 in En voz alta by ENDL

Artigo de Manuel Gago na Voz de Galicia.

No instituto de Vilagarcía de Arousa no que eu fixen COU, de mil estudantes só había dous rapaces que saíran do armario lingüístico: Ricardo, que falaba e escribía en galego, e eu, que o escribía e comezaba timidamente a falalo.

Como un signo do propio país, os dous galegófilos do instituto tamén tiñamos a nosa creba conceptual: Ricardo era reintegracionista e eu non. Aínda así, levabámonos ben.
Quero crer que, co tempo, algúns máis daqueles 998 rapaces e rapazas aceptaron que o galego non era lingua de paletos nin de frikis como Ricardo ou eu, pero non me atrevería a dar unha porcentaxe optimista.
Penso hoxe niso, en pleno mes das letras galegas, cando observo o gran esforzo persoal, educativo e, ás veces tamén, institucional por celebrar as letras do país, e non sei canto del consegue o efecto de gañar activos para a nosa lingua e a nosa cultura. Para canta xente facemos este esforzo?
Os que hoxe aceptamos ir falar a colexios e institutos, e continuamos na defensa da lingua e a cultura galegas, somos a suma daquela minoría friki dos institutos de principios dos anos 90, que continuamos, en moitos casos, defendendo os valores que, daquela, aprendemos dalgunha profe ou nalgún libro.
Así que cando vexo a esas clases obrigadas a escoitarnos, tendo a imaxinar que, agachad
o nalgunha desas filas, adiante ou atrás, está a rapaza ou o rapaz que seguirá crendo nisto e nos sucederá nesta tarefa que semella imposible. Unha ou dúas de trescentos ou catrocentos. Como leva sendo así desde principios do século XX.

One Response to 'OS DOUS FRIKIS'

Subscribe to comments with RSS

  1. Maria Buceta said,

    on Xuño 4th, 2017 at 7:42 p.m.

    Excelente artigo!