Feed

Entrega de premios do E TI QUE SABES?

Posted on Maio 22nd, 2012 in Concursos e certames,Letras Galegas by ENDL
        Laura, Nahima e Paula

        Laura, Nahima e Paula

        Marta, Miguel e Jose

        Marta, Miguel e Jose

        Nuria, Carlota e Alba

        Nuria, Carlota e Alba

O mércores 16 de maio os do ENDL entregamos os premios ás gañadoras e mais aos finalistas do concurso cultural            E TI QUE SABES?
Como xa sabedes, a última das probas que tiveron que realizar, tras resolveren con éxito as preguntas sobre Música, Literatura, Xeografía e Historia, consistiu na elaboración dun cómic sobre a vida do autor homenaxeado este ano no  Día das Letras Galegas: Valentín Paz Andrade.
Aos membros do Equipo non nos resultou nada doada a decisión final, pois os tres traballos son dunha calidade e factura extraordinarias. E xustamente por iso, porque son pequenas obras de arte, subímolas hoxe ao blog para compartilas con todos vós. Só tedes que clicar co rato en cada un dos premios para poder visualizalas.
Moitas grazas aos equipos finalistas e a todos os que participaron no concurso. Vémonos na vindeira edición.

 

1º PREMIO: PAULA COBO, NAHIMA GARRIDO E LAURA REDONDO

2º PREMIO: MARTA CARREGAL, JOSE LÓPEZ E MIGUEL TOMÁS

3º PREMIO: CARLOTA CARREGAL, NURIA PÉREZ E ALBA REY

 

 

O FANTÁSTICO UNIVERSO DO CÓMIC

Posted on Marzo 29th, 2012 in Entrevistas,Hoxe visítanos...,Obradoiros by ENDL

Cando neste segundo trimestre lles dixemos aos de 2º ESO que ían recibir unha “clase” especial no salón de actos, todos pensaron: “Máis clases? De que? De Matemáticas, Historia, Galego ou outra cousa chunga? Pois que sorte!”.

Pero as súas caras e o seu entusiasmo mudaron enseguidiña ao saberen que quen nos visitaba era  Abraham Carreiro e que o que ían aprender con el  serían fantásticas técnicas para crear os seus propios cómics. 

 Así pois, o salón de actos converteuse nun gran obradoiro de banda deseñada no que os rapaces e rapazas puideron recibir a axuda e os consellos do ilustrador vigués, poñendo en práctica algunhas das principais estratexias e trucos para expresar as emocións dos personaxes, centrar a atención nun punto concreto da viñeta, etc.

E xa que nos veu visitar, quixemos aproveitar a ocasión para lle facer unha pequena entrevista e coñecelo un pouquichiño máis. Dúas das intrépidas reporteiras do noso Equipo, Paula Fernández e Antía Miguéns, conversaron con Abraham preguntándolle por distintos aspectos da súa faceta profesional. Velaquí tedes o resultado. Desexamos que vos guste.

ABRAHAM CARREIRO: “Na banda deseñada galega hai grandes creadores”

REPORTEIRAS: Lembras en que momento te interesaches polo cómic?

ABRAHAM: Desde ben pequeno son lector de cómic; por outra parte, sempre me gustou debuxar, xa facía traballos no instituto… A ilustración foi algo que me chamou sempre.

REPORTEIRAS: Cres que tivo algo que ver o teu pai nesa afección?

ABRAHAM: Directamente non, indirectamente si. Quero dicir que el nunca me enfocou cara a iso, saíu de min. Pero claro está que velo a el traballar na casa, os seus debuxos… iso influíu bastante.

REPORTEIRAS: O cómic xa che gustaba desde pequeno pero… Por que o cómic como saída profesional?

ABRAHAM: Pois, primeiro, por iso, porque sempre me gustou; e segundo, porque a ilustración e o cómic permítenme expresar as miñas ideas en papel: poder debuxar o que pensas e como queiras é o que máis me fascina deste traballo. 

REPORTEIRAS: Que cómics e autores de banda deseñada están entre os teus favoritos?

ABRAHAM: Os cómics que eu lía creo que aínda vos gustan agora: Asterix, Tintín, Lucky Luck…; e autores que admire, pois Robert Crumb, Moebius, Reimundo Patiño…

 REPORTEIRAS: Tes algún proxecto en mente ou estás traballando en algo neste momento?

ABRAHAM: Si, proxectos teño moitos. Agora mesmo traballo na elaboración dunhas mascotas para unha exposición e o que me ten máis ocupado é a segunda parte de Xoeliki.

REPORTEIRAS: Neste contexto de crise, como ves a situación da banda deseñada galega?

ABRAHAM: Pois artisticamente, en canto a creadores, francamente ben; economicamente, mal, como a edición de calquera libro neste momento. Pero creo que a situación é complicada en case todos os  sectores profesionais a día de hoxe.

REPORTEIRAS: Xa para rematar, por que o galego como idioma dos teus cómics?

ABRAHAM: Iso é evidente: porque é o meu idioma, no que me expreso e falo, e porque é tan válido coma calquera outro.

        Antía e Paula con Abraham

        Antía e Paula con Abraham