Feed

AÍD: “Hai cousas que non teñen tradución”

Posted on Abril 23rd, 2011 in Celebracións,Entrevistas,Hoxe visítanos...,Obradoiros by ENDL

 

O mércores, 13 de abril, día das Letras no Alobre, os amantes do rap e o hip hop estivemos de sorte, pois puidemos gozar da visita ao Centro da rapeira viguesa AÍD, xunto con dous colaboradores seus, para impartiren uns interesantísimos Obradoiros de Rimas, Grafiti e Breakdance. E todo, por suposto, en galego.

E é que esta moza promete: estudante de Telecomunicacións na Universidade de Vigo, locutora e guionista de radio, colaboradora de televisión, mc, gañadora xa de varios premios… (Clica aquí para saber máis, que nos cansamos de escribir). Non para!

Ademais de gozarmos do seu talento creador no Obradoiro de Rimas, non quixemos desaproveitar a ocasión de poder charlar un anaquiño con ela para coñecela mellor (e comprobamos que é un encanto de muller). Dúas intrépidas reporteiras de 3º ESO A , Katia e Rocío, puxéronse mans á obra e argallaron unha moi boa entrevista (parabéns, mozas!) da que vos reproducimos algunhas das preguntas e respostas máis interesantes.

 

ENTREVISTA A AÍD: “somos máis do que pintamos, é que temos un aquel…”.  Ai non!

Por Katia López e Rocío Nieto (en exclusiva para A voz do Alobre).

 

REPORTEIRAS: Cando empezaches a compoñer?

AÍD: Aproximadamente no 2003 ou 2004, aos 13 ou 14 anos. Gustábame escribir poesía xa de sempre e despois sentín o rap: o rap é como a poesía pero podes dicir máis, podes expresar moito mellor o que sentes.

REPORTEIRAS: Como te deches a coñecer? Non debe ser fácil…

AÍD: Grazas a Internet, especialmente en myspace. A rede hoxe axuda moitísimo.

REPORTEIRAS: Atopaches dificultades como mc por ser muller?

AÍD: Non. No mundo do rap, por sorte, non existe ese tipo de discriminación. Atopei moitas máis dificultades pola miña idade: ser moi nova ás veces fai que non te tomen sempre en serio. Pero cando ven que o teu traballo é bo e que gusta todo cambia.

REPORTEIRAS: Empezaches a escribir en galego xa desde o principio ou como foi?

AÍD: Non. Empecei en castelán, ata que fixen “Ai non”. Eu na casa coa familia sempre falei galego e cos meus amigos na Universidade tamén (na Universidade fálase moito galego). Todo na miña vida era en galego agás o rap, porque os meus colegas dese mundo falaban castelán e porque estaba afeita a que esa música fose en castelán. Pero despois, ao comezar a colaborar na radio, afíxenme a falar do rap en galego e iso, queiras ou non, xa che crea unha atmosfera dentro… iso axudoume a ver que o rap podía ser en galego. Déuseme un día por empezar a escribir e vin que o galego é “guai” para o rap.

REPORTEIRAS: Poderiamos dicir que esa é a túa mensaxe para a xente nova: que o rap pode ser en galego e que o galego pode ser tamén para cousas “guais”…

AÍD: Si, esa pode ser a mensaxe.

REPORTEIRAS: E agora, en que idioma te sentes máis cómoda compoñendo?

AÍD: A min encantaríame compoñer en moitos idiomas, por exemplo, gustaríame chegar a dominar o inglés para utilizalo tamén. Pero sen dúbida o idioma no que me sinto máis cómoda compoñendo, creando, é o galego.

REPORTEIRAS: Por que?

AÍD: Pois porque para o rap é máis flexivo, máis intimista, ten máis verbas, podes escoller máis.

REPORTEIRAS: E xa para rematar, poderíasnos explicar qué queres dicir en “Ai non” con iso de que “Eu non teño flow, o que teño é xeito”?

AÍD: Pois supoño que é unha maneira de reivindicar que hai verbas de aquí que se poden usar no rap. O “flow” é a fluidez, o estilo; ou sexa, o xeito. Pero hai cousas que non se poden traducir, hai palabras no galego que son intraducibles. Realmente non é o mesmo o xeito que o estilo, ten outras connotacións. En resumo: é unha forma de dicir que hai palabras de aquí que expresan iso e moito máis.

AÍD coas reporteiras

AI NON