Feed

DE HOMES E GATOS: GAÑADORA DO CERTAME DE RELATOS

Posted on Abril 10th, 2011 in Concursos e certames by ENDL
 
Velaquí tendes o relato gañador do Certame de Relato Curto convocado conxuntamente pola ANPA, o Equipo da Biblioteca e mais o noso ENDL. A súa autora é Irene García Magaña, de 1º ESO, que nos presenta unha situación cotiá, pero desde unha perspectiva ben curiosa e divertida… Lede, lede, xa veredes.
 

Alumnas premiadas con representantes da ANPA, Biblioteca e o ENDL

Desde o ENDL dámosche, Irene, os nosos PARABÉNS! Desexamos que este premio te anime a seguir escribindo en galego, que o fas moi ben.
Aproveitamos, ademais, para felicitar a todos os que participastes no Certame cos vosos relatos en galego: nada máis e nada menos que o 75%!!!!!!!!!!!!! Que se prepare J.K. Rowling que o próximo Harry Potter será galego fixo! Segundo sinalou o xurado do Concurso, “moitos dos contos presentados posúen unha calidade altísima e iso fixo que a nosa decisión fose difícil, aínda que unánime ao final”.
Tamén vos informamos de que o Diario de Arousa publicou, na súa edición tanto dixital como en papel do venres 1 de abril, unha noticia sobre o evento (sentimos non poder colgar a ligazón á páxina do venres deste xornal, pois non ten hemeroteca; podedes ver a nova nos taboleiros da Biblioteca e Normalización). E é que no Castro Alobre somos xente importante e de primeira, con talento a esgalla!
RELATO GAÑADOR : por Irene García Magaña
O GATO
Día un:
Pasou diante do gato e saudouno. O gato botou a correr.
Día dous:
Pasou diante do gato e saudouno. O gato fuxiu e apartouse bastante.
Día tres:
Pasou diante do gato e saudouno. O gato fuxiu, pero no se apartou tanto.
Día catro:
Pasou diante do gato e saudouno. O gato mirouno sen moverse.
Día cinco:
Pasou diante do gato e saudouno. O gato miañoulle. Sorriu.
Día seis:
Pasou diante do gato e saudouno. O gato contestoulle: “Boas, cabaleiro”. O rapaz botou a correr berrando coma un louco.
Día sete:
Non pasou diante do gato (e non o saudou). “Vaia humano máis estraño”, pensou o gato.
“Haiche de todo nesta vida…”