Feed

VISITA AO PARAÍSO: COÑECEMOS CORTEGADA

Posted on Abril 2nd, 2011 in Saídas culturais by ENDL
Vista desde a illa

DIARIO DA VIAXE

O día 24 de marzo os de 1º ESO B saímos visitar a illa de Cortegada.

Saímos á 11.15 h. do Castro Alobre, pasamos por diante do Concello e atravesamos Carril polo paseo da praia.

Cando chegamos ao porto separáronnos en dous grupos, pois non había dous barcos. Así que un grupo foi na lancha mentres o outro agardaba no parque a que viñeran a buscalos.

Xoubiñas na lancha

Chegada do segundo grupo

Cando o segundo grupo chegou á illa xuntámonos todos para iniciar a visita. Como ía moita calor deixamos as chaquetas nun cruceiro que alí había ao lado dunha casiña e, despois, comezamos a andar para coñecer Cortegada.

Seguimos un mapa que nos deu a nosa guía. Ao chegarmos ao segundo punto fixemos un xogo de orientación, un “xogo dos sentidos”. Consistiu en que a un de nós tapábannos os ollos e sentábannos no medio dun círculo formado por todos. Colocábannos ao lado unhas chaves e víñannolas sacar; e así, cos ollos vendados, tiñamos que escoitar e averiguar cara a onde marcharan as chaves. Todos acertamos.

Xogo dos sentidos

Ao acabar de facer o xogo das chaves fomos dar unha volta. A guía explicounos e puidemos ver que un tornado deitara varias árbores o ano pasado.

Árbores deitadas polo tornado

Continuamos o noso camiño moi atentos aos distintos cheiros que podiamos percibir. De feito soubemos que por onde nós estabamos a andar, pasaran non había moito algunhas cabras, xa que o cheiro era fedorento.

A continuación, a guía ensinounos un profundo e impresionante bosque de loureiros. Díxonos que era o máis grande de Europa.

Bosque de loureiros

 Tamén vimos que na parte da illa onde había eucaliptos (que proveñen de Australia) o chan era marrón, apenas medraba vexetación. En cambio, cando pasamos por un bosque de árbores autóctonas (carballos, piñeiros e castiñeiros) o chan era dun verde espectacular. Parecía de conto. Alí vimos tamén algúns niños e unha casa feita por un peto (paxaro carpinteiro).

Ao ir máis adiante a guía explicounos a historia do “Carballo Comepedras”: hai moitos anos un carballo era moi feliz porque os nenos que habitaban a illa xogaban ao seu arredor. Pero cando os nenos tiveron que marchar a árbore púxose moi triste e cada día, completamente soa, acompañada unicamente polas pedras das corredoiras, choraba máis e máis. Entón as pedras, xa fartas, decidiron facer algo. Fóronse achegando a el e, así, o carballo foinas comendo. De aí o nome “Comepedras”.

Carballo Comepedras

Despois de escoitar a historia da árbore que comía pedras seguimos a nosa visita guiada por Cortegada, que nos levou ata unhas ruínas de cando a illa estaba habitada. A guía explicounos que os habitantes da illa tiveran que abandonala cando o rei Alfonso XIII decidira instalar alí a súa residencia de verán. Finalmente non o fixo e Cortegada pasou ao patrimonio de Juan de Borbón, quen a vendeu a unha sociedade que pretendía construír nela unha urbanización de luxo cunha ponte para se comunicar con terra firme. Pero a xente non quería e houbo moitas protestas. Xuntos conseguiron que o arquipélago de Cortegada pasase a formar parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.

Ruínas das casas

Despois de contarnos a historia da illa dirixímonos ata a praia, onde tivemos uns minutos para andar por onde quixeramos. Fixemos unha foto todos xuntos e, finalmente, as lanchas leváronnos de volta ata Carril.

Foto de grupo no cruceiro

Diario feito por:

Alberto Barral, Óscar Jabois, Adriana Beade, Rosa Luna, Alma Alcaine e Naomi Rodríguez.