Feed

OLLOS DE AULA

Posted on Outubro 25th, 2012 in Publicacións by ENDL

Desde a Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística acaba de pórse en marcha unha nova revista, chámase Ollos de aula e vai dirixida a todas as familias que desexen coñecer novas moi gorentosas sobre libros, reformas educativas, consellos para ter éxito nos estudos, etc…

Se pinchades enriba da portada accederedes directamente ao primeiro número da revista. Comunicaremos neste blog a publicación dos vindeiros números.
Agardamos que vos interese.

Entrevista a Manuel Núñez Singala

Posted on Decembro 8th, 2011 in Entrevistas,Hoxe visítanos... by bacharelato

 “As linguas suman: non estamos obrigados a escoller unha ou outra”

O pasado martes, 29 de novembro, visitounos o escritor Manuel Núñez Singala para nos falar do seu último libro, Menú de enganos. Os do ENDL quixemos aproveitar a ocasión para lle facer unhas preguntas sobre a súa outra faceta profesional como coordinador do Servizo de Normalización Lingüística da USC. Este foi o resultado, oxalá vos guste.

  • Vostede é o coordinador do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago. Que foi o que o impulsou a tomar a decisión de dirixir este grupo?

A preocupación pola lingua; é un traballo  interesante e duro, xa que non son bos tempos para o noso idioma. Hai máis interese case en derrubalo que en que  permaneza. Todos nos alporizariamos se demolesen a catedral de Santiago para facer un aparcadoiro e, en cambio, quedamos parados ou non somos conscientes do que está a pasar coa nosa lingua. Eu creo que, para concienciarnos, bastaría con imaxinar por un momento unha Galicia na que ninguén falase galego…

  • Que é o que menos lle gusta deste traballo?

A parte burocrática. Ter que pedir permisos ou axudas  para poder levalo a cabo; isto dános capacidade limitada para facer as cousas.

  • Ocúpalle moito tempo o ser escritor e director do Servizo de Normalización ao mesmo tempo?

Non vivo de escribir, paréceme moi difícil vivir só diso, en realidade é algo que me dá un plus. Ademais, escribir libros pódeme levar meses,  tómoo con calma. Se tivese que escribir por obriga acabaríao deixando.

  • Pretende vostede seguir dirixindo o Servizo de Normalización durante moito tempo?

Non sei, unha cousa que penso que deberiamos facer é cambiar de traballo cada dez ou quince anos para non convertelo nunha rutina, aínda que non é fácil cambiar de traballo na actualidade porque a situación económica non facilita este desexo. No mesmo oficio  pasado un tempo semella que xa non tes retos. Se sempre vas ao cole polo mesmo camiño e un día vas por outro lugar fíxaste máis por onde vas. Cambiando de traballo adquires contactos e é estimulante.

Presenteime hai uns anos a un posto en París que promovía o multilingüismo. Suaba pensando niso porque tería que mudarme se mo deran, pero insisto en que é estimulante.

Con todo, no meu traballo dáse a parte boa de que temos sempre dous ou tres estudantes colaborando con nós, veñen con ganas e entusiasmo e axudan a non converternos en funcionarios cunha rutina.

  • Como é a situación do galego dentro da Universidade de Santiago?

Non é mala, na universidade de Santiago a nivel administrativo (escrito) faise practicamente todo en galego. Hai tres colectivos: os profesores, os alumnos e o persoal da administración e servizos, no que o galego está ao 100%.

Nas clases hai moitas diferenzas á hora de falar galego, varía dende un 7% ata un 80%. Por exemplo, na Facultade de Farmacia úsase moi pouco o galego, pero en cambio úsase moitísimo na de Ciencias da Información.

Cando eu cheguei a cantidade de galegofalantes global na Universidade era dun 18%, agora xa está nun 30%. É difícil que haxa moito máis porque tamén vén xente doutros países cunha competencia lingüística moi baixa. Penso que o dos Erasmus está ben para coñecer xente e outros países, pero non para sacar unha carreira.

  • Que ideas nos pode dar para preparar as actividades de dinamización do galego no noso centro?

É moi difícil, a primeira regra é o coñecemento da realidade e eu descoñézoa; se non tivésedes nada analizado neste sentido, habería que facer un estudo sociolingüístico.

Si é certo que unha cousa está clara: quen manda son os profesores e a súa lingua é determinante. Algúns teñen unha obrigada, e hai que recordárllelo amablemente, as medidas de presión non serven para nada.

Pero tería que coñecer máis o centro  para poder axudar. Na Universidade facemos unha planificación.

  • Gústalle dar este tipo de charlas nos institutos?

Si, moito, pásoo moi ben; é difícil ter sempre opinións sinceras e os rapaces transmitides máis o que pensades, sodes espontáneos e directos e iso é moi valioso.

Campaña elaborada por Manuel Núñez Singala e Manuel Bermúdez Blanco