Feed

90 anos da revista NÓS

Posted on Novembro 1st, 2010 in Sabías que... by ENDL

Hai 90 anos, o 30 de outubro de 1920, saía á luz na cidade de Ourense o primeiro número da revista Nós. A publicación foi promovida por intelectuais clave da historia de Galicia, integrantes do Grupo Nós. Estes homes foron, entre outros, Vicente Risco como director, Castelao como director artístico, Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas e Antón Losada Diéguez.

Os membros de Nós, cunha ampla formación intelectual, tiñan como unha das súas finalidades a eliminación do lastre do folclorismo da cultura galega, mediante a súa actualización, normalización e universalización.

Entre os anos 1920 e 1936 publicáronse un total de 144 números da revista en dúas etapas: a primeira de 1920 a 1923 e a segunda de 1925 a 1935. Durante este tempo, os seus impulsores procuraron dignificar a realidade cultural de Galicia e conectala directamente coa Europa do momento. Por iso nos seus artigos, aínda sen descoidar a produción literaria, pasarán a ocupar un lugar moi importante estudos sobre prehistoria e arqueoloxía, así como traballos de etnografía, arte, antropoloxía, socioloxía, xeografía, filosofía, política etc.

A publicación, na que se difundiron por vez primeira en España algúns fragmentos da obra Ulises de James Joyce  (número 32), constituirá un medio fundamental para a difusión e a dignificación da lingua galega, como elemento identificador da personalidade de Galicia. Os impulsores da revista amosarán unha preocupación constante polo idioma e este compromiso lingüístico traducirase na utilización do galego para tratar os máis diversos temas de actualidade, máis alá do ámbito literario. O galego estará presente mesmo na publicidade das súas páxinas, con deseños elaborados polos propios membros da publicación.

Por todo isto, queremos homenaxear e recordar o labor levado a cabo a través da revista Nós a prol da lingua e da cultura galegas. Un labor que favoreceu enormemente a intelectualización e o proceso de normalización do idioma e que contribuíu, sen dúbida, ao seu prestixio social.