Feed

Especial Día da Paz

Posted on Xaneiro 29th, 2011 in Celebracións,Sabías que... by ENDL

O Día escolar da non violencia e da Paz foi declarado por primeira vez en 1964, sendo recoñecido polo Ministerio de Educación e Ciencia en 1976.

O 30 de xaneiro rememora o pasamento de Gandhi, asasinado por un hinduísta extremista no 1948.

A UNESCO conmemorou no ano 2000 o ano da Cultura de Paz; a raíz desta data, a Asemblea Xeral de Nacións Unidas, realizou unha Declaración e un Programa de Acción sobre unha cultura de Paz. A UNESCO sinala: os dereitos humanos e a cultura de paz son complementarios; onde queira que prevaleza a guerra e a violencia, non hai posibilidade de garantir os dereitos humanos. Ao mesmo tempo, sen dereitos humanos, en todas as súas dimensións, non pode haber cultura de paz.

Que é a PAZ?

Segundo a enciclopedia virtual Wikipedia, un estado de tranquilidade ou quietude, como unha ausencia de disturbios ou axitación. A nivel individual, un estado interior no que non hai cólera, odio nin sentimentos negativos, un sentimento de benestar. A nivel social, a articulación entre paz e o seu oposto que podería ser guerra, ou violencia, ou conflito, fundamenta numerosas doutrinas tanto relixiosas como políticas.

A violencia pode ser directa, estrutural (agredir a un coletivo desde a mesma estrutura política ou económica) ou cultural. Existe, pois, un amplo abano de elementos que poden perturbar a paz. É habitual atopar na prensa sucesos relacionados coa violencia machista, coas guerras, coa violencia estrutural sufrida polos que xogan a vida nunha pateira, ou a violencia coa que tratamos a nosa terra (incendios, contaminación, urbanismo descontrolado…), ou a que sofren milleiros de persoas explotadas desde a infancia, ou mesmo a que deixa centos de mortos nas estradas cada ano.

NO CASTRO ALOBRE OPTAMOS POLA MEDIACIÓN PARA RESOLVER CONFLITOS

Este ano púxose en marcha no noso Centro un Plan de Mediación para resolver os problemas de convivencia que se dan no día a día. Tanto os profes como alumnos participantes están a recibir formación para poderen actuar como mediadores ante posibles conflitos. Xa se amañaron deste xeito algunhas diferenzas entre o alumnado e os resultados están sendo moi bos.   Desexamos que a mediación nos ensine a todos a respectar os dereitos dos demais e a valorar o uso da palabra como a arma máis poderosa.

ASINEMOS ACORDOS DE PAZ!